José Luis Rodríguez: “A decisión da Xunta desampara a 30 mil traballadores”

José Luis Rodríguez: “A decisión da Xunta desampara a 30 mil traballadores”

29 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

A Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (Asoar-Armega) esixe á Consellaría do Mar que reconsidere a decisión de eliminar o seguro colectivo de accidentes que daba cobertura a uns 30 mil traballadores de todo o sector (pescadores, mariscadores e armadores, entroutros profesionais). O pasado 1 de outubro, Mar impuxo a poliza do seguro Polar eliminado así a cobertura gratuíta.

O secretario de Asoar-Armega, José Luis Rodríguez, asegurou en Radiofusión descoñecer qué cobertura ofrecerá o novo seguro nin as súas prestacións. A Xunta deixa desamparada ás familias de aqueles mariñeiros e mariscadores que perdan a vida no mar ou sufran un grave accidente que os poida invalidar para o exercicio da súa actividade, subliñou. “Con Polar Seguros, o goberno autonómico só sufragará un 25% e o outro 75% pagaráo o armador. Un cambio moi grande co que teremos que facernos cargo dun imposto que antes non aboábamos”, explicou.

En resposta a estas críticas, a Consellaría do Mar, argumenta que o antigo seguro colectivo non cumpría as esixencias ao que Rodríguez respondeu que as adapte ás necesidades reais dos armadores. A Federación Galega de Confrarías respalda a medida adoptada pola Xunta na que se aposta por unha empresa galega e tacha aos armadores de “ignorantes e irresponsables” e sinalan que se moven por intereses políticos. Rodríguez saiu ao paso destas acusacións explicando que durante os seus cinco anos de existencia, “fumos o único colectivo que criticou ao goberno da Xunta independentemente da súa cor ou ideoloxía”.

Ademais reprobou que a consellaría alegue a situación económica para executar este recurte social. "En época de crise vai minguar a situación dun sector tan básico como a pesca, que nos últimos tempos se atopa nun momento moi delicado", aseverou.

Ante a incertidume amósanse favorables ao diálogo e ao traslado de opinións co goberno galego. Xa demandaron unha xuntanza coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, pero ata o momento non obtiveron resposta.

Institucional