Julián Alonso: “Galicia foi un país micófobo”

Julián Alonso: “Galicia foi un país micófobo”

07 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O ser vivo máis grande do planeta atópase en Oregón (Estados Unidos). Trátase dun fungo cuxa parte soterrada ocupa 900 hectáreas de terreo. Fronte aos centos de anos deste fungo, outros son máis efímeros, como o caso dos cogomelos que viven pouco tempo. Esta é unha das moitas curiosidades destes seres vivos independentes que se nutren da descomposición da materia orgánica e non poden ser cualificados como prantas.

Os fungos necesitan dunhas condicións climatolóxicas determinadas. Ao estar formadas principalmente de auga precisan dun ambiente húmido. O outono e a primavera son as estacións máis idóneas para setas, cogomelos e demais especies aínda que durante todo o ano xurden os fungos, en menor medida baixo temperaturas suaves. 

En Galicia existen perto de 2 mil especies catalogadas de fungos. Dependendo da zona dánse unhas clases diferentes aínda que os máis frecuentes son os níscalos, os boletus e a lingua de ovella. No caso das tóxicas a máis común é a amanita faloide. Galicia sempre foi considerada un país micófobo, dunha certa aversión ancestral ao mundo dos cogomelos, sinala o presidente da Asociación Micolóxica Lucus, Julián Alonso. Nos anos 70 grazas ás asociacións e á disposición da xente comezou a aficción polo mundo dos fungos. “Nuns primeiros momentos recollíanse para a súa comercialización e agora xa se consumen, fotografían e contemplan”, indica.

Coa chegada do outono son moitos as persoas que se animan a saír ao monte na procura de fungos. Unha tarefa divertida pero que pode ser arriscada senón se adoitan certas precaucións. A inexperiencia neste campo impide distinguir as especies tóxicas das que non o son. Ante isto, sempre en caso de dúbida, hai que optar por non apañalos, subliña o presidente da Asociación Micolóxica Lucus, Julián Alonso. Si é para consumo persoal, aconsella recoller as máis fáciles de identificar e evitar ansiedades para asegurarnos do que estamos a coller. O máis recomendable sería ir acompañado dun experto nas primeiras saídas para recoller cogomelos.

A imprudencia pode ter consecuencias nefastas e todos os anos morren persoas pola inxesta de setas con toxicidade e potencialmente mortais. Segundo Alonso, moita xente cre que existen regras “máxicas” para diferenciar os fungos tóxicos dos que son comestibles. Guiánse pola cor, polos tipos de fungos que se dan nun determinado lugar, si están picadas polos bechos pensan que son aptas para o consumo, uns criterios sen base ninguna, explica o experto. “As diferencias están nos pequenos detalles, na existencia das láminas, si teñen aneis, require unha observación minuciosa e detallada”, reseñou.

O micólogo tamén incidiu na importancia dunha recollida respectuosa co medio natural. Tras a identificación e a extracción dun exemplar completo (desde a base do pé), para o seu examen, precísase tapar o burato e evitar o movemento brusco do terreo. Despois débese proceder a súa limpeza no monte e metelas en cestas e, non en bolsas, para favorecer a dispersión das esporas. Para unha correcta actuación hai que evitar a recollida de especies pequenas e tamén das vellas, que non serven para consumir e sí son importantes para o espallamento das esporas.

Si son para consumir, débese gardar un exemplar para coñecer a especie en caso de intoxicación. O presidente da Asociación Micolóxica Lucus recomenda tamén unha inxesta moderada ao tratarse dun produto de difícil asimilación.

Sociedade