As Kawasaki serán as donas da Terra Chá na última fin de semana de novembro

As Kawasaki serán as donas da Terra Chá na última fin de semana de novembro

10 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os amantes das dúas rodas en forma de Kawasaki terán unha data e unha vila que non poden esquecer, xa que, a fin de semana que vai do 28 ao 29 de novembro se celebra en Vilalba a “I Quedada Galaico-Asturiana Kawa.es”. Organizada polo foro kawa.es concentrará na capital da chaira a preto de 120 moteiros desta senlleira marca nipona e que procederán de comunidades como Galicia, Asturias ou León.

As actividades comezarán o propio sábado 28, coa recepción ás motocicletas que se acheguen polo punto de encontro, situado no Hotel Villamartín. A hora oficial da xuntanza situouse ás 16.00 horas, aínda que haberá unha xornada de tapeo para os que se concentren desde a mañá.

 

 

Ás 16.30 está programada unha ruta que discorrerá pola mariña lucense, concretamente pola vila de Ribadeo, na que se visitará a Praia das Catedrais, o Cargadeiro e o Porto Deportivo desta localidade lucense. O retorno levará aos adictos ás Kawasaki polos municipios de A Pontenova, Meira, Muimenta e Vilalba.

 

Contra as 19.30 horas, tempo previsto para a chegada da caravana de motos, pasarase a degustar as especialidades da vila en forma de viños e tapas, que serán o aperitivo perfecto para a cea que terá lugar no Hotel Vilamartín.

 

Xa o domingo haberá un almorzo sobre as 10 da mañá, así como a exposición dunha Kawasaki  ZX6R que está a participar na Copa Celta. Xa despois, o concesionario Ibérica de Cospeito procederá ao sorteo de regalos entre os asistentes, ademais de amosar as súas novidades. As 14 horas marcarán o comezo do remate desta concentración de motos ao ter lugar a comida de despedida.

 

Para todos aqueles que se queiran apuntar pódeno facer no propio foro www.kawa.es ou chamando ao teléfono 678 908 634. O prezo para toda a fin de semana é de 50 euros, aloxamento, cea, almorzo e comida incluídos.

Sociedade