Kepa Junquera leva o son da trikitixa ás Fragas do Eume

Kepa Junquera leva o son da trikitixa ás Fragas do Eume

03 de Maio, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O acordeonista vasco Kepa Junquera ofertará este sábado 4 de Maio un curso para acordeonistas e un concerto aberto ao público na casa de turismo rural Casa Lourán. ACentral Folque, Casa Lourán e Asociación Cultural O Abordelo unen esforzos nesta iniciativa, que traerá a Monfero a unha das figuras internacionais do folk actual que está a preparar o seu vindeiro disco que sairá á venda en outono e que versa sobre a música galega. Jun

Cunha longa carreira musical polos escenarios de todo o mundo, nos que colaborou con aritistas tan diversos como La Bottine Souriante, The Chieftains, La Musgaña, Caetano Veloso ou Carlos Núñez, Kepa Junquera é un dos artistas máis internacionais da música vasca. Á noite Kepa Junquera ofertará un concerto en solitario nun entorno tan peculiar como é a palleira de Casa Lourán. É aberto a todo o público interesado cun custe de entrada de 6€ (non é precisa reserva).

Os acordeonistas interesados en participar no curso terán á súa disposición material con repertorio vasco para trikitixa que poderán adaptar para o tipo de acordeón que utilicen normalmente. Para asistir non é preciso ter un nivel concreto, é aberto para toda persoa familiarizada con instrumento. Para matricularse só é preciso contactar con matricula@folque.com

A organización corre a cargo de aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, con sede en Santiago de Compostela, e as entidades locais Casa Lourán e a A.C. O Abordelo, que pretenden promover unha oferta cultural-musical nun entorno rural, autoxestionada e accesible para todo o público.

Cultura