Kroke, a música polaca no Jofre de Ferrol

Kroke, a música polaca no Jofre de Ferrol

27 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Ao abeiro do ciclo “Músicas dos Mundos” a Concellería de Cultura levará este venres ao Teatro Jofre unha actuación a cargo da formación Kroke, natural de Polonia. Será ás 20.30 horas e as entradas están xa á venda no Punto de Información Cultural (PIC) do teatro ferrolán, no horario de atención ao público: de martes a domingo, de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 -os días de función ata o

Así o anunciou esta mañá a concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, quen destacou que o dito ciclo, que se inaugura este venres, terá continuidade o vindeiro 5 de novembro coa actuación do cantaor flamenco Raimundo Amador, que estará acompañado no escenario pola cantante pop francesa Cathy Claret. Xa en decembro, o día 3, “Músicas dos Mundos” voltará a Ferrol con Joan Isaac e Luis Eduardo Aute.

Respecto ao concerto deste vernes, será interpretado por Tomasz Kukurba (violín), Jerzy Bawol (acordeón) e Tomasz Lato (contrabaixo), integrantes do grupo Kroke (esta palabra é o nome co que se coñece á cidade polaca de Cracovia), fundado no ano 1992 por tres amigos graduados na Academia de Música de Cracovia. En pouco tempo, alcanzaron a popularidade grazas ás súas actuacións nos máis importantes festivais de Europa, entre os que destacan os Womad de Las Palmas e Reading ou numerosos encontros de música xudía. Neles compartiron escenario con artistas da talla de Van Morrison, Ravi Shankar, Klezmatics ou Natacha Atlas, entre outros. Entre os seus admiradores atópanse actores como Ben Kingsley e Kate Capshaw ou directores como Steven Spielberg.

Na actuación que ofrecerá en Ferrol, este grupo instrumental que amosa a tradición e modernidade da música klezmer -música tradicional instrumental que interpretan os xudeos do Este que empregan como lingua o yiddish- presentará o seu traballo “Out of sight”, publicado en outubro de 2009. Un traballo no que, como é habitual nestes músicos, se caracteriza por unha música que parte sobre todo do son klezmer, o cal foise enriquecendo co tempo ata convertirse nun legado sonoro dunha grande riqueza. O klezmer describe as ledicias e tristezas da vida xudea, algo que tamén fai o grupo Kroke, respectando a tradicións e levándoa sempre un paso máis alá no ámbito da música contemporánea.

Cultura