Lalín abre o Mes do Cocido

Lalín abre o Mes do Cocido

15 de Xaneiro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

"A acción política de Jorge Suárez trascende a Ferrol" afirmou esta mañá o alcalde de Lalín Rafael Cuiña no acto de presentación dos actos da Feira do Cocido. O primeiro rexedor ferrolán comprometeuse a que unha delegación da cidade departamental participará nas actividades gastronómicas na vila pontevedresa. Un autobús aparcado na Praza de Armas repartiu tapas de cocido entre os ferroláns.

Lalín ultima os preparativos da súa tradicional Feira do Cocido, unha festa declarada de interese turístico nacional, que cumpre corenta e oito anos. Esta edición será menos elitista e máis popular, indicou este mediodia en Ferrol o alcalde da localidade Rafael Cuiña. A Feira celebraráse o domingo trinta e un de xaneiro.

O pregoeiro das festas será este ano o xornalista Manuel Jabois, gañador do Premio Nacional de Xornalismo Xullo Camba e quen traballou como correspondente en Diario de Pontevedra. Na presentación da programación dos actos da Feira do Cocido, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, fixo fincapé na intención de "recuperar a esencia" da festa, para que sexa "do pobo e para o pobo".

A intención, segundo Cuíña, é deixar o carácter "case elitista e de prensa rosa" dos últimos anos por un maior protagonismo dos habitantes, hostaleiros e comerciantes, e non en "os amigos do alcalde de quenda". Entre as novidades da nova edición figuran por unha banda a celebración dun xantar solidario, que substituirá á comida oficial, e cuxa recadación se destinará a asociacións e accións sociais.

A outra novidade será a entrega do galardón 'Aldea Singular' en recoñecemento dos valores patrimoniais, sociais, culturais e paisaxísticos do ámbito rural de Lalín. Outras novidades serán a instalación dunha carpa de 70x20 metros que acollerá postos de venda de produtos cárnicos, alimentación e artesanía, así como diferentes actividades paralelas; e a celebración, o 5 de marzo, do 'Cocido LGTB' para dar visibilidade a lesbianas, homosexuais, transexuais e bisexuais. Haberá tamén actividades infantís e un tren turístico que transportará aos nenos o fin de semana do 22 ao 24 de xaneiro.

A programación completarase co denominado Cocido de maiores (14 de febreiro en Cercio), a exposición 'Emporcarte' e o 'Cocido das Artes', (6 de febreiro); a Gala do Cocido, en que se entregarán os premios Álvaro Cunqueiro de xornalismo gastronómico; e carreiras, rally, ruta BTT e de clásicos.

Sociedade