Leche Pascual presentará un ERE que propiciaría o peche da planta de Outeiro de Rei

Leche Pascual presentará un ERE que propiciaría o peche da planta de Outeiro de Rei

06 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Leche Pascual anunciou onte ao Comité de Traballadores da planta de Outeiro de Rei a súa vontade de prantexar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afectará ao 100% da plantilla. Así, esta medida afectaría aos 155 empregados, polo que estarían incluídos aqueles que realizan tarefas relacionadas co tratamento e envasado do leite e tamén os encargados do mantemento da planta, transportistas, persoal administrativo e de lox&iacut

Segundo fontes sindicais, Leite Pascual falou cos traballadores, que non teñen representación sindical, senón que se agrupan baixo a forma de Comité de Empresa, para comunicarlles a intención de aplicar o ERE. A partir de aquí, deberá presentarse a documentación para tal caso diante das autoridades laborais competentes, que comprobarán que a solicitude reúne os requisitos esixidos. Despois terán dez días hábiles para subsanar erros. Posteriormente informaríase á oficina de emprego e se solicitará un informe á inspección de Traballo, que o remitirá en 10 días. Esta presentación podería facerse na sede de Lugo ou na de Madrid, sen que polo de agora houbese decisión ao respecto.

 

Unha vez rematada esta primeira fase abriríase un prazo de 30 días de período de consultas e negociacións. De rematar en acordo entre as dúas partes (Leche Pascual e o Comité de Empresa de Outeiro de Rei), a autoridade laboral dicta resolución en 15 días. De non haber acordo, o faría estimando ou desestimando o ERE, en función da legalidade das razóns expostas pola empresa.

A escusa da firma madrileña para o peche é a súa necesidade de “axuste das capacidades industriais á demanda”, polo descenso na evolución do consumo de leite no mercado, que caeu dos 113 litros por persoa en 2001 aos 78 da actualidade. Outra das razóns sería a incapacidade de Pascual de competir coas marcas brancas, que acapararían, segundo a empresa, un 51% de cota de mercado. Como esta compañía non as fabrica, non lles resultaría rendible seguir mantendo abertas algunhas plantas da súa cadea.

Ramón Fariña Ríos, Responsable de Agroalimentaria de CCOO, estableceu que este ERE “representa o peche total da empresa”, o que remataría cos “traballadores na rúa”. Sen embargo, para Ríos, aínda queda moito camiño por andar, “xa que deben ser os administradores xurídicos os que determinen en última instancia a legalidade do ERE”.

Desde UGT, Fernando Teijeiro, Secretario Xeral do Sector Agroalimentario, considerou a situación como “lamentable” e, a pesar de que o momento do sector “é difícil”, pensa que Pascual debe “resistir o tirón e non pechar”. Teijeiro desconfía das razóns da firma leiteira e cree que “existen cuestións subxacentes”. Desde este sindicato insistiuse en que non consentirán o cerre de mais empresas en Lugo cando “fai falta emprego”, e abriu as portas da súa organización a “tódolos traballadores de Outeiro de Rei”.

Tamén se pronunciou o Sindicato Labrego Galego por boca da responsable comarcal na Terra Chá, Margarita Prieto Ledo, á que non lle supuxo sorpresa a nova, “porque xa había insistentes rumores sobre o peche”, aínda que si as formas, “porque ata a semana pasada aos produtores recolléronlle o leite con normalidade e negaron que se fose a pechar a planta”.

Sociedade