Lectura emocionada da declaración institucional do Dia dos Medios en galego

Lectura emocionada da declaración institucional do Dia dos Medios en galego
07 de Febreiro, 2018 - 12:00 h. | Publicada por

Todos os grupos políticos da Cámara galega apoiaron este mércores a importancia que teñen hoxe en día os medios en galego polo seu compromiso "coa realidade e orgullo polo propio" iniciado no Rexurdimento. Foi grazas a unha declaración institucional a favor da celebración do 7 de febreiro como o Día dos Medios en Galego. Unha data que lembra a saída á rúa do primeiro número de O Tío Marcos d'a Portela, h

"Desde o coñecemento e reivindicación desta longa tradición do xornalismo na nosa lingua, consideramos que o 7 de febreiro, Dia dos Medios en Galego, é unha boa ocasión para visibilizar os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país", recolle o documento aprobado."Apoiándoos estaremos avanzando no camiño de compromiso coa nosa realidade e orgullo polo propio iniciado no Rexurdimento", engade ao tempo que lle pide ao conxunto da sociedade civil que se sume a esta conmemoración.
 
Esta xornada serve para visibilizar os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do pais. De feito, a Cámara galega anima aos poderes públicos a contribuír ao recoñecemento institucional daquelas iniciativas pioneiras "que procuraban a toma de conciencia dos problemas do país e reflexionaban na busca de solucións".
 
O TÍO MARCOS D'A PORTELA
 
O Tío Marcos d'a Portela foi foi a primeira publicación escrita integramente en idioma galego. Subtitulada “Parrafeos co pobo galego” e impulsada por Valentín Lamas Carvajal, conseguiu un notable éxito, chegando a vender 4.000 exemplares nunha comunidade que daquela contaba con altos niveis de analfabetismo.
 
O escritor e editor da cidade das Burgas recolleu na publicación a bandeira ergueita por Rosalía de Castro en Cantares gallegos, sumouse á defensa e reivindicación da cultura popular e expresou os sentimentos cotiáns da sociedade galega, especialmente da xente máis humilde. "Con moito humor, sentido crítico e ironía, Valentín Lamas soubo conectar á perfección coas principais preocupacións do mundo rural", lembrou o presidente da Cámara, Miguel Santalices.
 
Nas páxinas de O Tío Marcos d´a Portela protestábase contra temas candentes do momento como a sangría da emigración, a elevada carga impositiva –os denominados trabucos- o atraso da agricultura, os foros, o caciquismo, a corrupción, as malas comunicacións e a febleza da industrialización.
 
 A este medio sucedéronlle nos anos inmediatos outras oito publicacións escritas tamén en galego: A Fuliada, O Galiciano, A gaita gallega, Galicia, A Tía Catuxa, As Burgas, O Labrego e A Monteira. Todo este movemento xornalístico difundiu o Rexurdimento, que no terreo literario encabezaron Rosalía de Castro, Manuel Curros Enriquez e Eduardo Pondal, no ámbito máis inmediato e popular.
 
 
 
Sociedade