Lembrando a Antonio Vega en San Valentín

Lembrando a Antonio Vega en San Valentín

12 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A nova da morte do músico Antonio Vega causou esta mañá especial impacto entre a xuventude de San Valentín en Fene (A Coruña). O autor de La chica de ayer participou no Fenerock, o festival musical que se organiza nesta barriada desde hai 7 anos. Vega tocou en San Valentín en setembro do 2006, e a súa participación supuxo o lanzamento do festival entre os afeizoados á música de toda Galicia.

 

O músico madrileño Antonio Vega morreu aos 51 anos de idade a consecuencia dunha neumonía, segundo confirmou a Sociedad General de Autores (SGAE). O compositor levaba varios días ingresado en estado crítico no hospital Puerta de Hierro de Madrid. Antonio Vega, cuxa canción La chica de ayer se escoitou durante varias xeracións, comezou a súa carreira musical con Nacha Pop antes de iniciar andaina en solitario.

A capela ardente cos restos mortais do músico será instalada hoxe mesmo na sé da Sociedad General de Autores de España. O estado de saúde de Vega xa era delicado. O pasado 23 de abril anunciou que suspendía o concerto programado para ese mes en Almería debido a unha neumonía aguda.

 

Tras máis de 30 anos sobre os escenarios, Vega publicou 18 álbumes, nove deles en solitario. Alcanzou a fama con Nacha Pop, grupo que fundou en 1978 xunto ao seu curmán Nacho García Vega. La chica de ayer, considerada a mellor canción do pop español nalgunha lista e incluída no seu primeiro LP, foi unha canción que se converteu nun himno da movida madrileña dos 80.

Cultura