Lembranza a Amada García, outra vítima da represión franquista

Lembranza a Amada García, outra vítima da represión franquista

27 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Asociación Memoria Histórica Democrática de Ferrol celebra no Castelo de San Felipe unha homenaxe a mugardesa Amada García, fusilada polas autoridades franquistas no ano 1938, xunto con outras sete persoas. Un acto para honrar a todas as persoas  de Ferrolterra represaliadas pola dictadura franquista. A asociación convida á poboación a participar na homenaxe.

Amada García era natural e veciña de Mugardos. Casada con Gabriel Toimil Dopico e cunha filla, fusiláronna no Castelo de San Felipe o 27 de Xaneiro de 1938. Politicamente moi activa, boa oradora e líder natural, granxeouse as antipatías dos sectores máis conservadores da sociedade mugardesa. Segundo un dos membros da Asociación Memoria Histórica Democrática, Anxo González. "Amada morrreu por defender as súas ideas políticas".

Co golpe de estado dos militares, as autoridades locais de Mugardos organizan a resistencia cos escasos medios que estaban á súa disposición. Neses días, Amada García estivo no concello dando ánimos e colaborando na medida das súas posibilidades, como moitos outros veciños. Coa vitoria dos militares sublevados, estes deteñen e xulgan a un elevado número de veciño/as do concello e unha das mulleres acusadas foi Amada García Rodríguez. O consello de guerra resultou una verdadeira burla con numerosas irregularidades: declaracións de analfabetos distintas ás que asinaron, ameazas ou multas a testemuñas da defensa.

Cando se dita a sentenza de morte contra Amada García, estaba en cinta, polo que se retrasou a execución ata dar a luz. Tres meses despois do parto fusiláronna xunto outros sete compañeiros. O  acto desta tarde serve para arroupar a este fillo que levaba Amada no ventre cando foi condeada. De nome Gabriel como o seu pai, leva todos os cabodanos frores ao camposanto de Serantes onde está enterrada a súa nai. No acto repartiranse flores entre os asistentes para depositar diante da lápida que hai no castelo na lembranza de Amada García. 

Sociedade