Levantamento das barreiras da autoestrada

Levantamento das barreiras da autoestrada
07 de Decembro, 2018 - 10:41 h. | Publicada por Radio Redondela

A Fiscalía na súa demanda polas prácticas abusivas da empresa concesionaria da autoestrada do Atlántico, propón o levantamento das barreiras e permitir o paso dos vehículos sen realizar cobro de peaxe sempre que por calquera causa exista unha retención ou unha diminución de velocidade que implique un retraso de ao menos 5 minutos con respecto ao tempo ordinariamente empregado para o itinerario. Tamén terán que levantarse se non resulta posible completar o tramo cunha velocidade media de ao menos o 80% da permitida por esa vía.

Prácticas abusivas na autoestrada do atlántico

A Fiscalía recomenda aos usuarios esperar a que se confirme a admisión a trámite da demanda. Cando se produza unha resolución, o ministerio fiscal poderá instar á execución da sentencia en beneficio das persoas usuarias afectadas. A demanda reclama o cese das prácticas abusivas en calquera autoestrada. Tamén inclúe medidas subsidiarias se a concesionaria da AP-9 non presenta nun prazo dun mes, un criterio para a eliminación do prezo da peaxes nos casos de insuficiente fluidez do tráfico.
Os transportistas agardan a resolución desta demanda pero adiantan que reclamarán indemnizacións polos tempos de traballo perdidos nos atascos. En calquera caso, agardarán por unha resolución da iniciativa da fiscalía.
Demanda de xuízo ordinario
A Fiscalía presentou nun xulgado de Pontevedra a demanda de xuízo ordinario contra Audasa, concesionaria da AP-9, en exercicio da acción colectiva en defensa das persoas usuarias da Autoestrada do Atlántico. Pide que se devolva, con intereses, o diñeiro pagado polas persoas usuarias do tramo entre o 27 de febreiro de 2015 e o 1 de xuño de 2018. Nese período producíronse setenta e sete millóns de tránsitos. En vehículos lixeiros, Audasa ingresou noventa millóns de euros porque a concesionaria non só mantivo as tarifas senón que as incrementou.
A demanda preséntase por entender que Audasa cometeu prácticas “abusivas” ao cobrar íntegros peaxes malia que o servizo era deficiente durante as obras de ampliación de Rande. Non só se mantiveron os prezos senón que mesmo se incrementaron embora que a circulación continuaba afectada polas obras.

Seguro que che interesa
Sociedade

Publica o teu comentario agora