Limodre, praza de habaneras

Limodre, praza de habaneras

21 de Outubro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Chega a Fene un novo recital de habaneras. A AVV de Limodre convoca na igrexa parroquial esa lembranza a un xénero musical de ida e volta, entre Galiza e Cuba. Nesta edición, o venres 25 de outubro,  actuarán a Rondalla Trovadores de Ares e a Coral do Pote de Maniños.

A habanera é un xénero musical orixinado en Cuba na primeira metade do século XIX, de ritmo lento,con compás binario. Pode ser instrumental ainda que o habitual é que sexa cantada. E un xénero adaptado e usado por diferentes formacións musicais, como corais, bandas de música, tunas e rondallas.

A habanera fíxose popular en todas as poboacións costeiras da Península. Bilbao, San Vicente de la Barquera, Guecho, Totana, Huelva, Cádiz,  Denia, Calella de Palafrugell e Torrevieja acollen cantadas e certames de habaneras. Tamén na memoria musical da comarca de Ferrol garda a habanera un lugar especial.

Un dos autores que máis popularizou a habanera foi o vasco Sebastian Iradier, autor de “La Paloma”, considerada por algúns como a primeira habanera. A danza habanera, é fundamentalmente un canto romántico, de amores e desamores. Os emigrantes retornados cantaban dende a taberna, cheos de morriña pola terra cubana e polos moitos amores deixados alí.

Sociedade