A loita contra a ditadura en Cabanas

A loita contra a ditadura en Cabanas
20 de Setembro, 2023 - 07:58 h. | Publicada por Radio Fene

Unha homenaxe á xente que loitou contra a ditadura en Cabanas brindarase este sábado en Regoela. O historiador e decano da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de León Javier Rodríguez guiará un cortexo cívico polos lugares dos Xicos e a Lousada, finalizando no lugar onde escapou Amador Barcia cando o levaban para asasinalo no cemiterio de Sillobre. Para participar é precisa a inscrición previa en sonradiofusion@gmail.com

 

Deseño: Pepe Barro

Javier Rodríguez é natural de Fene e está considerado un dos expertos no estudo da guerrilla antifranquista galega con numerosas publicacións sobre o tema. Tamén falarán Henrique Sanfiz e Anxos Garcia Fonte. As persoas participantes visitarán os lugares onde mataron a Baltasar López Ardao “Sumeiro” e a Manuel Eibe Vilar. Tamén se falará de Jesús López Ardao, Amador Barcia, Pedro Rico Rodeiro, Constantino López Marcos e de moitas outras persoas da zona que loitaron pola liberdade e contra a ditadura iniciada co golpe de estado de 1936. 
A xornada continuará co descubrimento dunha placa en lembranza da loita contra a ditadura na escola de Lavandeira, colocada polo Bloque Nacionalista Galego. O BNG tamén organiza un xantar de confraternidade para o que é preciso apuntarse en cabanas@bng.gal ou en 604 023247, antes das oito da tarde de hoxe  como último día.
 

Sociedade

Publica o teu comentario agora