A loita pola liberdade de 16 mulleres redondelás

A loita pola liberdade de 16 mulleres redondelás

22 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Josefa Míguez, Lola "A Jamaica", Emilia Cabaleiro ou Esmeralda e Rosario Cal son algunhas das mulleres cuxa historia está recompilada nun libro editado pola Concellería de Igualdade de Redondela. Unha publicación para homenaxear ás mulleres que loitaron polas liberdades e evitar que a súa historia caia no esquecemento.

O obxectivo deste libro que leva por título "Mulleres redondelás" é homenaxear ás mulleres máis significativas da historia de Redondela e evitar que as súas vidas queden no esquecemento. Activistas políticas, mestras, xornalistas, modistas, patroas de barco ou dentistas, algunhas tan coñecidas como Ernestina Otero, outras menos recoñecidas e moitas anónimas como as mariscadoras ou as practicantes solidarias, pero todas elas cun papel importante na época que lle tocou vivir. 

A concelleira de igualdade, Rosa Costas, explica que para facer este traballo partiron de iniciativas anteriores como as desenvolvidas no seu día pola Asociación de Mulleres Xanela que agora se ven ampliadas con este traballo de marcado carácter didáctico. O volume repartirase, a partir de Xaneiro, nos colexios, bibliotecas e centros culturais do Concello. 

A publicación divídese en varios capítulos nos que se vai lembrando a cada unha das mulleres protagonistas e se destacan diversos feitos a nivel local no que as actrices protagonistas foron as mulleres redondelás. Detrás de cada historia hai ademais unha importante labor de investigación a través sobre todo de conversas cos familiares das homenaxeadas no texto.

Cultura