A lonxa de Burela despacha 2.700 quilos para a Feira do Bonito

A lonxa de Burela despacha 2.700 quilos para a Feira do Bonito

29 de Xullo, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Burela

Na lonxa, apurando a quitar cabezas e tripas aos bonitos, traballaban dende primeira hora desta mañá 22 persoas da Sociedade Cultural Recreativa Musical Ledicia de Burela, a mesma que dende hai 31 anos vén promovendo a Feira do Bonito. A presidenta de Ledicia, Rocío Rivera, entre o balbordo do mercado mariñeiro celebraba a boa compra, “un peixe bo para un prezo máis ou menos asequible”.

A XXXI Feira do Bonito inclúe moreas de actividades paralelas xa dende a xornada do venres 31 de xullo, con novidades como unha exhibición de carrilanas, torneo de xadrez, xogos e obradoiros infantís e concertos de Paula Rojo e de emerxentes bandas galegas. Estas últimas servirán para presentar o Festival Osa do Mar, que organiza o colectivo Fanto Fantini, ao que Rocío Rivera dá as grazas pola axuda, así como á asociación de comerciantes ACIA que pon a hostalería local a cociñar tapas para degustar o bonito durante toda a fin de semana.

“A feira pasou de ser complemento doutras xornadas a ser un evento por si mesmo complementado con outras actividades”, explica a presidenta de Ledicia. A festa medra dende aquel ano 1983 no que os membros veteranos de Ledicia, rememora Rivera, “como remate dunhas xornadas de teatro e baile tradicional, pensaron que podían facer que fose representativo da localidade”. Matinaron entón en enxalzar o bonito, que “naquela época tiña grande importancia porque do bonito vivía moitísima xente”. E así até esta fin de semana, 31 anos despois.

Sociedade