Los Suaves actúan na festa da Fraga das Pontes este domingo

Los Suaves actúan na festa da Fraga das Pontes este domingo

18 de Setembro, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

O concello das Pontes- A Coruña- retoma este domingo día 22 a Festa da Fraga que, o pasado 25 de xullo, fora aprazada como sinal de loito e respecto ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois. O grupo Los Suaves actuará ese día na Alameda pontesa. A comisión pretende recuperar o sabor de antano coa achega de merendas á Fraga de Dona Rita.

Este domingo a Festa da Fraga das Pontes recuperará a súa esencia inicial xa que veciños e veciñas, xunto cos visitantes  que se queiran sumar a esta festa, poderán achegarse coa súa merenda ata a Fraga de Dona Rita e gozar dunha xornada campestre á vella usanza, tal e como se facía nos inicios desta celebración en 1904. A Comisión de Festas ten interese por lograr facer da Fraga a festa que era antano, con merendas de amigos e familias, á marxe da actual imaxe que presenta agora esta celebración. A organización anuncia que non se permitirán as cabanas en tampouco acampar ao outro lado do río ou realizar merendas nas parcelas privadas.

O programa do domingo,será o mesmo que se ideara para o pasado 25 de xullo. Actuará na Fraga a mesma orquestra Cinema contratada para a verbena e a sesión vermú das 2 da tarde.

É preciso lembrar que xa na noite do pasado 24 de xullo, a Comisión de Festas xunto con todas as formacións musicais que ían actuar na Fraga o día 25 acordaron aprazar as súas actuacións como sinal de loito pero sempre poñendo enriba da mesa a opción de celebrar esta festa noutra data. Así, atendendo  á axenda do grupo Los Suaves, a Comisión de Festas escollía o vindeiro domingo 22 como data para a realización desta segunda Festa da Fraga .
A Comisión de Festas tamén apunta que era necesario o celebrar esta cita para compensar aos chiringuitos e atraccións que, no seu día, pagaron por montar na Fraga e que, finalmente, tan só sacaron rendemento dun único día de festa.

Sociedade