Luces para ver mellor

As visitas ao Museo do Humor mellorarán co cambio de alumeado porque inflúe na temperatura das salas.
20 de Marzo, 2019 - 12:21 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello renova e mellora a iluminación das instalacións da Casa da Cultura. A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, apunta que se investiron 3.000 euros nese cometido.

O Concello vén de investir 3.000 euros en dúas actuacións de mellora da iluminación nas dependencias da Casa da Cultura. En concreto, procedeuse á adquisición de 20 focos led para a sala de exposicións temporais, dando resposta a unha importante carencia de iluminación cara as paredes. A única iluminación coa que contaba ata ese momento procedía de tubos fluorescentes. Doutra banda, tamén se mercaron LEDs para substituír as bombillas halóxenas que tiñan os focos do Museo (2º e 3º andar da Casa da Cultura). Ademais do importante aforro enerxético que traerá consigo a medida, mellorarase a climatización do espazo porque en primavera e no verán, polas propias características do edificio cos teitos baixos das salas do museo e polo efecto das bombillas halóxenas, se acumulaba moita calor. Un cambio que mellorará as condicións de temperatura das salas, favorecendo a comodidade dos/as visitantes durante o seu paso polo Museo.

Cultura

Publica o teu comentario agora