Lucus Augusti arderá este ano máis que nunca

Lucus Augusti arderá este ano máis que nunca

23 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

Unha viaxe ao pasado, unha recreación do “Lucus Agusti” do Imperio Romano constitúe a esencia do “Arde Lucus”. Unha celebración consolidada no panorama festivo galego. Lexionarios, patricios, plebeos e ata deuses. Non nos podemos sorprender se atopamos esta fin de semana por Lugo a moitos destes personaxes. O Ardes Lucus 2010 arrinca este venres para revivir o seu pasado romano durante tres días de xolda.

A Cidade das Murallas revive un ano máis o seu pasado romano. Este venres 26, a partir das catro da tarde, haberá talleres de xogos malabares e percusión, contacontos e aurigas. Procederase á inauguración dunha das novidades desta edición, un campamento romano onde un grupo de lexionarios, que recibirá as ordes en latín, se instruirá na arte da guerra e na que tamén se representará á poboación celta.

O sábado, entroutros actos, o César lerá o pregón e nomeáranse os personaxes principais da fiesta, elixíndose ao Civis Honoris. Ademais levarase a cabo unha queima pirotécnica da fachada da catedral, teatro, venda de escravos, unha bacanal, vodas e bautizos celtas e un concerto de arpa. O domingo será o momento dos espectáculos de animación de rúa e os bailes. Rematarase o día co grupo Nova Escena que representará en O Cantiño a obra Lisístrata.

As novidades do Arde Lucus 2010 son un campamento militar e un circo romano. No primeiro recrearase a vida cotiá dos militares romanos como adestramentos para loitar con armas da época, exhibicións de combates ou manexo de carros romanos. No circo reconstruiranse os espectáculos tradicionais do período romano.

O tradicional macelo (mercado) acollerá artesanía galega e serverá como punto de encontro dos lugueses e os numerosos visitantes que se achegan a esta cita do calendario festivo galego. A queima da muralla suporá un auténtico espectáculo afastado da típica queima de fogos tradicionais, segundo declarou a concelleira de xuventude de Lugo, Rosana Rielo.

O “Arde Lucus” conta desde a pasada edición cunha banda sonora propia para ambientar a celebración  e trasladar ao público ata a época romana. Unha festa que destaca pola súa capacidade de convocatoria. O ano pasado multiplicou por catro a poboación da cidade das murallas, unha cifra que esperan superar neste 2010, sinalou a concelleira.
 
En www.ardelucus.com ofrécese información detallada do evento.

Sociedade