As luras, escribanía de notario

As luras, escribanía de notario
04 de Abril, 2019 - 08:45 h. | Publicada por Radio Fene

As luras son auténticas escribanías de notario, segundo Cornide que nos lembra a súa tinta e a súa pluma. Son moluscos cefalópodos que en castelán se chaman calamares. Ben valoradas desde sempre, xa Arquitas de Tarento, sabio grego do século IV a.C., as recomendaba recheas cos seus rabos, con cebola, xamón e ovo cocido, todo ligado con miga de pan e estufadas en prebe de tomate.

Luras da ría á grella no Restaurante Muiño do Vento (Magalofes Fene)

As luras das rías, grandes e frescas, fanse á grella para conservar todo o seu sabor. Tamén poden torarse en rodas e, rebozadas en fariña e ovo, frítense na tixola ben tapadas para que o aceite non salte. Preséntanse cun pouco de limón, unha ensalada de leituga e tomate e patacas cocidas ou fritidas, segundo recomenda Fausto Galdo no Abecedario das mantenzas.

Sociedade

Publica o teu comentario agora