Máis bloque, menos individualidades

Máis bloque, menos individualidades

19 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Todo un equipo da Segunda División de fútbol visita este sábado Narón. O Celta de Vigo participa no Trofeo Concello de Narón no campo de Río Seco. Disputará un triangular co Racing de Ferrol e co equipo local. Juan López Domínguez, Juancho, visitou esta máñá os estudos de Radiofusión para falarnos deste e outros encontros.

"É un partido máis da pretemporada" afirmaba o defensa en referencia a este triangular do sábado. Así de positivo se amosa o Narón nestas xornadas previas ao comezo da campaña. Un positivismo que non esconde as posibilidades do club de gañar ese Trofeo Concello de Narón, pese a perder o pasado sábado contra o Somozas en O Beco. Juancho achacaba a derrota aos poucos cambios que puido realizar o equipo naronés (xogando así case tódolos xogadores os 90 minutos), así como as importantes baixas que está a sufrir o club, como a de Diego Piñeiro.
Juancho tamén comentou as diferenzas entre o plantel deste ano e o de pasadas temporadas e a el fáltanlle moitos compañeiros, fichados por outros equipos. Tamén falou dos novos xogadores, a maioría deles procedentes da canteira, que se están a adaptar a esta categoría de 3ª División.
Mirando xa á nova temporada, Juancho amosou o seu desexo de quedar entre "os oito primeiros polo menos" na táboa.
O primeiro encontro para acadar pouco a pouco eses postos será o sábado 29 en Vilalba contra o Racing Vilalbés.

Deportes