Máis de 200 anos de tradición

Volve o Globo de Betanzos
13 de Agosto, 2019 - 12:54 h. | Publicada por Radio Fene

O globo botará a voar. Esta fin de semana celébrase unha nova edición dun dos festexos máis míticos de Galicia, Betanzos trae as festas na honra de San Roque.

Comeza o venres ás sete da tarde, na Praza da Constitución. Concentración de grupos folclóricos para participar no desfile da Función do Voto. Á noite, verbena, actuará dende as dez e media a orquestra Superfama.

Pero as once e media é a hora do prato forte. Realizarase o lanzamento do globo. Unha tradición que ten máis de douscentos anos de historia. O primeiro documentado data do 1814, con motivo ou desculpa de festexar na honra de Fernando VII. O certo é que nesa época era habitual ver botar globos noutras vilas. En Betanzos conservouse esta tradición grazas a Claudino Pita, quen se propuxo facer o globo de papel máis grande do mundo. E conseguiuno, 25 metros de altura e 50 de circunferencia. Hoxe en día, os descendentes do mesmo Claudino son quen manteñen a tradición viva, a cal converteuse no maior reclamo turístico de Betanzos, movendo a miles de persoas cada ano. O ano pasado, o certo é que o globo non chegou a voar. Minutos antes da botadura, enganchou nun farol e rompeu. Foi a primeira vez dende o 1964 que algo coma isto ocorría. Agardemos que este ano haxa máis sorte.

Na foto, directivos de Agarimo Sillobre, onde tamén se realizan lanzamentos de globo.

Cultura

Publica o teu comentario agora