Máis dun millón de euros

Máis dun millón de euros
03 de Xuño, 2020 - 01:45 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene ten aberto desde o luns o prazo de presentación de ofertas técnicas e económicas para a execución de tres proxectos de obra por un montante global por riba dos 655.000 euros. Dous deles refírense á ampliación e urbanización do cemiterio municipal e o terceiro atenderá á reurbanización dos bloques 2 e 5 de San Valentín e á reparación da Avenida da Cooperación. Estes tres proxectos súmanse aos outros catro xa publicados con anterioridade que finalizarán o prazo de recepción de documentación nos próximos días e que, en conxunto, superan os 457.000 euros. Neste momento, Fene ten abertos procedementos por un importe de 1.112.000 euros, coa intención de executalos neste segundo semestre de 2020.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, explica que este volume de contratación que xa está en marcha significará tanto un avance na mellora da rede viaria e de espazos públicos como "unha importante inxección de recursos que sen dúbida contribuirán ao mantemento de empregos e á reactivación económica". O proxecto de maior importe licitado este mesmo luns refírese á ampliación do cemiterio municipal, cuantificada en 253.797,03 euros procedentes do POS+ 2019. Construiranse 126 columnas con tres nichos máis un cinceiro funerario en cada unha, o que supón ampliar a capacidade do camposanto con 378 novas sepulturas. Con cargo á segunda contratación publicada esta semana -por valor de 230.795 euros- prepararanse as instalacións cun novo pavimento, mobiliario, espazos axardinados, dous módulos columbarios e equipamento para a incineración de restos.

A terceira das licitacións que figuran no Perfil de Contratante desde o luns centrarase na reurbanización dos bloques 2 e 5 de San Valentín -beirarrúas e saneamento- e na reparación da Avenida da Cooperación, de maneira que ofreza máis seguridade e unha mellor integración nas obras de remodelación dos espazos públicos do barrio como as que xa se están desenvolvendo estes días nos bloques 3 e 4. Neste caso o prezo de base do contrato está cuantificado en algo máis de 170.600 euros, ive incluído. As empresas que queiran participar nos procedementos de contratación pública destes tres proxectos teñen até o  próximo 22 de xuño para presentaren as súas ofertas.

Toda a documentación técnica e administrativa está dispoñible na Plataforma de Contratación co Sector Público. Nela tamén figuran outros catro proxectos publicados no mes de maio que teñen a piques de rematar o prazo de recepción de propostas técnicas e económicas. Até este venres 3 xuño poderán achegarse ofertas para o reforzo do firme na rúa Travesa e Santa Ana -91.657 €- e o martes 9 de xuño rematará o prazo para o proxecto de dotación de servizos e reparación do camiño da Lomba (Barallobre) -104.831 €-, do aglomerado e as canalizacións nas pistas dos Regueiros e da Visura (Sillobre) -148.550 €- e, por último, da pavimentación da estrada de Fene a Magalofes pasando por Lubián, valorada no deseño técnico en 112.398 €.

(Na imaxe, bloques do barrio de San Valentín-Fene)

Institucional

Publica o teu comentario agora