Máis persoal na sanidade pública

Máis persoal na sanidade pública
31 de Xaneiro, 2024 - 12:55 h. | Publicada por Radio Fene

Máis persoal e unha organización máis eficiente da sanidade pública. Redución e transparencia nas listas de agarda. Son algunhas das demandas da marcha que este domingo pola mañá percorrerá as rúas de Santiago de Compostela. O Concello de San Sadurniño en pleno respaldou a convocatoria. 

Foto: Leandro Paz

A plataforma, da que San Sadurniño forma parte, pon enriba da mesa 13 demandas "urxentes" co obxectivo de "frear o desmantelamento da sanidade pública galega", tal e como se explicou no pleno de onte. Medidas centradas, a grandes trazos, no aumento do orzamento sanitario, máis persoal e equipamentos, ademais dunha organización máis eficiente que permita mellorar a calidade asistencial -especialmente en Atención primaria, Pediatría e para persoas dependente- e rematar coas listas de espera. Tanto o BNG como o representante socialista apoiaron as demandas da plataforma convocante, mentres que o PP votou en contra aínda recoñecendo que a Sanidade pública galega "necesita algunhas melloras". A portavoz popular ironizou con que a manifestación cadre en período electoral e instou ao BNG e ao PSOE a que "se poñan a traballar" para reducir as listas de agarda "unha vez que ganen as eleccións" xa que, segundo dixo María Belén Trigo, "as enquisas últimas dan como ganador ao BNG e ao PSOE". 

A manifestación convocada para este domingo 4 de febreiro sairá da Alameda compostelana ás 12:00h e desde a plataforma agárdase que sexa multitudinaria. O movemento porá autobuses desde practicamente toda Galicia para facilitar a asistencia. No caso de Ferrolterra o transporte sairá de Narón ás 9:45h pasando por Correos, Caranza, Fene, Vilar do Colo e Cabanas. Para reservar praza pode chamarse ao 655 695 737 ou ao 680 922 151.

 

Foto: Leandro Paz

Sociedade

Publica o teu comentario agora