Móllate polos Ríos

Móllate polos Ríos
22 de Setembro, 2023 - 11:05 h. | Publicada por Radio Fene

Milleiros de persoas dedicarán o domingo a limpar os ríos galegos. Un ano máis, responderán á iniciativa de ADEGA que pon en marcha o Proxecto Ríos como cada ano por estas datas. Tamén en Fene, como nos contou María José García, de AETNA, entidade que participa no proxecto, igual que a Asociación Betula e o CEIP Os Casais de Maniños, que o fará noutra data.  



 

ESCOITA O PODCAST:

“Ata un eixo dun coche” teñen sacado do río. A limpeza segue a ser necesaria, aínda que os leitos están “cada vez mellor”. As persoas que queiran colaborar poden acudir ás 10 da mañá o local de AETNA para comezar a xornada media hora despois. O ano pasado participaron unha vintena de voluntarios e voluntarias O Concello de Fene facilita materiais e instalará colectores en distintos lugares para depositar o lixo que se recolla. O Proxecto Ríos impulsado pola Asociación ecoloxista ADEGA pretende facer labores de conservación en varios cauces e, ao tempo, concienciar sobre o ciclo da auga e o ambiente. Esta iniciativa arrancou en 2008 e desde aquela desenvólvese sempre o último domingo de setembro e de maneira simultánea en distintos puntos do territorio galego. Nesta ocasión, abranguerá ríos de 52 concellos das catro provincias e hai confirmada a participación de 65 entidades, entre áreas municipais, asociacións veciñais e outros colectivos.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora