Música ata o amencer en Vilalba

Música ata o amencer en Vilalba

18 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Festival Independente de Vilalba (FIV) achegará a mais de 2.000 persoas  na noite do vindeiro sábado 22 de agosto ata a Praza da Constitución da capital chairega. Desde as 22.00 horas ata as 05 horas da madrugada soarán os acordes de grupos tan dispares como The Pinker Tones, Cornelius ou Juan Rivas. Cada unha das bandas tocará preto dunha hora e rematarán a xornada os Dj Javier Rial, do coñecido local compostelán La Radio, e Lelé

O FIV non aspira a ser flor dun día, tal e como salientou o Concelleiro de Deportes e  Urbanismo e un dos promotores do evento, Jesús Bermúdez. “A idea de crecer é básica e imos pelexar por elo ata o final. Pretendemos ser un referente no norte de Galicia en 3 ou 4 anos, senón non ten sentido, para ser un mais non ten sentido”.

 

 

Para organizar o festival contaron coa axuda de Estrella Galicia. “Foron os únicos que amosaron predisposición para apoiar un evento que está a nacer. Desde o primeiro día nos botaron unha man económica e en produción de cartelería, e este apoio para nós é importantísimo, nótase moitísimo”, admitiu Bermúdez.

 

O propio responsable de márketing  da compañía cervexeira, Santiago Miguélez, indicou que apostaron por este proxecto, porque “creemos que ten unha estratexia moi interesante para poder crear un dos festivais referencia de Galicia”.

 

A edición deste ano, a segunda, contará cun importante cabeza de cartel. The Pinker Tones son unha referencia da música electrónica española e aterriza en Vilalba como parada inmediatamente posterior á súa xira polos Estados Unidos. Esta banda barcelonesa pasou por cidades como Denver, Dallas, Atlanta, Miami, Washington, Detroit, Boston, New York, Chicago, Seattle ou Los Angeles e fará desfrutar aos que se acheguen pola Praza da Constitución coa súa música electrónica.

 

Pero antes pasarán polo escenario Cornelius, que é un grupo arousano de pop-rock e soul, que veñen do Eixo Rock, en Vilanova da Gaia, en Portugal. Este grupo ven de gravar o seu último disco, 1960, tras meses de grabación co productor Mick Glossop (Van Morrison, Suede, Frank Zappa).

 

Por último, pero non menos importante, estará Juan Rivas, que é un músico vigués que xa leva algúns anos dentro do panorama galego e español, e que presentará as cancións do seu último disco "Superdiscotropical".

Cultura