Música a ritmo de electroválvulas e pistóns en “Torn de nit”

Música a ritmo de electroválvulas e pistóns en “Torn de nit”

18 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Pistóns, electroválvulas, poleas, motores, cintas transportadoras mestúranse no proceso de creación de “Torn de nit”  do grupo de música Cabo San Roque. A formación barcelonesa crea este espectáculo a partir da desmontaxe dunha liña de produción dunha fábrica de galletas. Actuarán este xoves 21 no Centro Cultural Torrente Ballester.

Baixo o nome dun vello transatlántico, Cabo San Roque naceu no ano 2001 como grupo de música adicado á experimentación máis lúdica e evocadora. Para elo empregan instrumentos inventados, xurdidos da reciclaxe de obxectos diversos como máquinas de coser, lavadoras ou pezas de mobiliario en desuso. Agora en “ Torn de nit” botan man de aparellos da desmontaxe dunha liña de produción de galletas para construír un novo fragmento de fábrica dirixida á produción de música.

A fábrica amosarase nunha coreografía mecánica de pistóns que fan bailar o acordeón a a ritmo de cha cha chá e de electroválvulas que fan soar as trompetas de Jericó. Un cruxir das máquinas entre silencios e sombras, extrapolado a instrumentos de vento, corda e percusión conectados aos mecanismos e coa inclusión de voces en off dos antigos empregados. 

A cita con “Torn de nit” de Cabo San Roque este xoves ás dez da noite no Centro Cultural Torrente Ballester.

Cultura