As músicas de O Camiño

O Camiño é unha sorte de musicas que soan nos camiños a Santiago de Compostela
04 de Xullo, 2019 - 09:52 h. | Publicada por Radio Fene

Músicos, instrumentos, imaxe, traballo actoral e algunha sorpresa conforman o espectáculo "O Camiño" de Setestrelo (formación de Airiños de Fene)

ESCOITA O PODCAST:
migueldoval2019

A Praza Ramón Souto de Fene acolle este venres cinco de xullo, o primeiro espectáculo do Ciclo Dia de Galicia do Concello de Fene. A agrupación de Airiños de Fene, Setestrelo, presenta por primeira vez o seu espectáculo “O Camiño”. Con el nos trasladan a Compostela a través da imaxe e da música. Cada Camiño ten a súa música, segundo o director do espectáculo, Miguel Doval. Por exemplo, o Alalá das Mariñas representa, segundo o seu criterio, o noso camiño inglés e “Ancares” faría o propio co francés.

18 músicos e os seus instrumentos, desde voces ata as gaitas e a percusión, subirán ao escenario, guiados por actores encargados de “coser” o Camiño. De fondo, as imaxes seleccionadas entre unhas 2.000 que os fotógrafos lles achegaron para este espectáculo. Haberá que agardar á noite para o seu inicio, previsto para as 22.30 horas.

"O Camiño" son dous anos de traballo, en palabras de Miguel Doval, que este venres teñen a súa recompensa na estrea en Fene. Ogallá que Setestrelo percorra todos os camiños daquí en adiante.

O director Miguel Doval (na imaxe) quixo agradecer na entrevista en Radio Fene todas as colaboracións recibidas para que O Camiño fose unha realidade.

Cultura

Publica o teu comentario agora