Mais cartos para os agasallos de Reis

As mascarillas incrementan os apuros económicos das familias
13 de Novembro, 2020 - 09:38 h. | Publicada por Radio Fene

Varias frontes ten aberto a área de benestar do concello de Fene para seguir capeando a crise sanitaria da Covid19. A súa titular, Mª Carmen Martínez, ponnos ao dia das accións que desenvolven os Servizos Sociais municipais.

ESCOITA O PODCAST:

As medidas máis inmediatas son as axudas de Reis cuxo prazo de solicitude está aberto ata o dia 25 de novembro. Hai novidades este ano neste capítulo; empezando pola contía que aumenta dos 70 aos 100 euros este ano. Tamén se amplía a idade dos rapaces que pode percibilas ata os 16 anos- antes era aos 14- e por último se retirou unha condición para percibilas como era que a familia tivese un coche. Iso xa non é razón para ter dereito a estas axudas. Os SS SS enviaron a notificación aos pais e nais a través dos colexios.

Os maiores son outra preocupación deste departamento. Dadas as condicións da Covid e de que estamos diante dun grupo de risco, houbo que paralizar os obradoiros Tardes activas como prevención pero mantense o obradoiro que dirixe AFAL todos os martes nas dependencias dos SS SS en San Valentín para seguir traballando cun pequeno grupo de persoas maiores cunha situación máis grave en termos cognitivos, para que non atrasen a súa evolución.

Este ano o 25N Día de loita contra a violencia machista, tamén será diferente. O acto que ía protagonizar a MMM na praza Ramón Souto non poderá ser multitudinario. Mantense un acto simbólico que se realizará ás 12 do mediodía na praza para darlle visibilidade a esa data. Polo demais, o concello de Fene vai editar distintos carteis co distintivo violeta e diferentes lemas que se repartirán por todo o concello, en colexios, sociedades, establecementos, que veñen dicir que Fene é un concello comprometido coa violencia de xénero.

As axudas de emerxencia alimentaria continúan despois do incremento brutal que tiveron nos meses de marzo e abril. Martínez explica que recorreron a Dignidad porque esta asociación lles facilita moito as cousas. Na actualidade nótanse outras necesidades entre as persoas máis vulnerables economicamente, como son as mascarillas. No departamento de servizos sociais preténdese mellorar os vales de compra para que as familias podas auxestionarse e escoller mellor os alimentos que necesitan. Ademais estanse programando cursiños sobre compra responsable e aproveitamento dos alimentos.

Con vistas ao futuro máis inmediato, na área de benestar municipal estase traballando na revisión das Ordenanzas. O obxectivo, en palabras de Martínez, é incrementar as cuantías das axudas, retirar algunha restrición que quedou obsoleta e axilizalas en tempo. A previsión é telas aprobadas a primeiros do ano 2021.

Institucional

Publica o teu comentario agora