Malestar en Limodre polas obras en Rio Sandeu

Malestar en Limodre polas obras en Rio Sandeu

01 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A AVV de Limodre e o grupo municipal do BNG de Fene lamentan a desinformación sobre a obra da praia de Rio Sandeu da que non teñen acceso ao proxecto. Desconfían que estea rematada, tal e como anunciou Costas, o 14 de xuño e cada un dalle un calificativo: "bunker" ou "monumento" para indicar o grande impacto ambiental que supón no areal.

Hai doce semanas que comezaron as obras na praia de Rio Sandeu en Limodre e faltan 14 dias para que rematen. Un dato, este último,  que non pode crer o presidente da AVV desta parroquia fenesa, Xesús Bello, á vista de como discurren as obras. Bello non se explica cómo a obra se empezou coa intención de sustituir o cemento  e modificar o acceso ao areal, e agora  a cantidade de cemento é maior. O pior, afirma Bello, é que "o concello non dispon do proxecto e ninguén sabe como vai quedar".

Ao presidente veciñal preocúpalle a cantidade de cemento que se está metendo alí e que Xesús Bello calificou de “bunker”.O presidente da entidade veciñal criticou a falta de información. Cara á temporada de verán, Xesús Bello lembrou o problema do verquido en Almieiras ocurrido hai dous meses e a necesidade dunhas duchas na praia de Coído. 

Tamén o BNG de Fene lamentou esta mañán a desinformación da administración central e do concello sobre as características desta obra que os nacionalistas calificaron de "monumental" .Afirman que " se o ano pasado aportaron area de dubidosa calidade nas praias de Limodre, este ano Costas está a realizar unha obra sen informar nen aos veciños nen aos grupos políticos do concello de Fene".   Na visita realizada ás proximidades das obras polos concelleiros nacionalistas Manuel Polo e Manuel Pico “poidemos observar a ausencia de cartel informativo  das carácterísticas da obra”. “Por outra banda no concello tampouco existe proxecto da obra, polo tanto descoñecemos como vai quedar e en que prazo vai estar rematada e con que características”. O grupo municipal do BNG critica que o impacto do muro de formigón é moi superior ao preexistente e dubida que a obra se remate o 15 de xuño.   

Sociedade