Mamá, quero teta!

Mamá, quero teta!

11 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Todos son beneficios cando se fala da lactación materna. Semella que a única perxudicada é a industria fabricante do leite en pó. Durante toda a semana, a asociación BBTTA promocionou o aleitamento da nai. As actividades clausuráronse onte cunha tetada colectiva en Narón (A Coruña).

As nais que brindan lactación materna dan aos seus fillos/as unha alimentación limpa, segura, sustentable, que achega auga e protexe activamente aos seus fillos/as das infeccións. O leite en pó non ofrece unha protección inmunolóxica e dana o mecanismo de defensa intestinal, ademais da dificultade de hixiene dos biberóns.

A lactación materna exclusiva pode salvar milleiros de vidas cada ano, xa que reduce o número de mortes por infeccións das vías respiratorias e a diarrea, dúas importantes causas de mortalidade infantil. Ademais de contribuír á saúde das nais, axuda a estreitar o vínculo afectivo entre a nai e o bebé.

É importante o apoio ás nais lactantes para fomentar a importancia da lactación durante os primeiros seis meses de vida. A educación e o apoio ás nais amplían o número de meses en que as nais aleitan aos seus fillos.

Sociedade