Man a man co parkinson, no Teatro Jofre de Ferrol

Man a man co parkinson, no Teatro Jofre de Ferrol

23 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

“Man a man co parkinson” É o lema do festival organizado pola Asociación Parkinson Ferrol para lembrar o Dia Mundial desta doenza que se conmemora o 11 de abril.  O festival celébrase o luns 30 de marzo no Teatro Jofre de Ferrol dende as 8,30 da tarde.

O xornalista Mon Santiso e a poeta Eva Veiga encargaránse de presentalo. No cartel aparecen artistas de Ferrolterra xunto a outros galegos. María Manuela e Xoan Rubia encabézanno seguidos de Entredós, Pilocha, Roger de Flor e Las chicas de oro. No Jofre intervirán aínda, Fernandez Naval e Oswaldo Digón.

A Asociación de Parkinson aproveita o Dia Mundial da enfermidade para recadar fondos con destino ás actividades que desenvolven ao longo do ano.

A asociación traballa na actualidade cun numero moi inferior ao dos enfermos reais da comarca. O medo a recoñecer a enfermidade publicamente retrae aos afectados á hora de asociarse, segundo a presidenta de Parkinson Ferrol, Luisa Muíños.

A asociación Parkinson Ferrol colocará mesas informativas nos centros comerciais e na rua, o sabado 4 de abril, unha semana antes do dia Mundial. As entradas para o concerto do Teatro Jofre do dia 30 de marzo, véndense ao prezo de 10 € e xa poden adquirirse no local da Asociación Parkinson Ferrol, na estrada de Castela 58-64, ou na billeteira do Teatro ferrolán.

 

Sociedade