A Mancomunidade podería instalarse nas oficinas de Extensión Agraria

A Mancomunidade podería instalarse nas oficinas de Extensión Agraria

04 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

A Mancomunidade da comarca de Ordes pasará a xestionar o programa de educación familiar. Ademais o ente mancomunado estuda trasladarse ao edificio das oficinas de Extension Agraria, sitas na rúa Nova, 41.

A Consellería do Medio Rural ofreceulle á Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes a posibilidade de dispoñer dunha planta no edificio da Oficina de Extensión Agraria para albergar as súas dependencias. Un ofrecemento que foi realizado polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, quen se reuníu esta semana cos alcaldes dos sete concellos da Mancomunidade de Ordes.

O presidente da Mancomunidade de Ordes, Miguel Prado, agradeceu a Antonio Crespo o ofrecemento realizado pola Consellería do Medio Rural aínda que evitou falar de prazos á hora de trasladarse ás novas dependencias. “Primeiro temos que estudiar a idoneidade do local, así como os distintos departamentos e servizos que poderiamos desprazar ata aló”, sinala Prado Patiño. Non obstante, amosouse moi satisfeito xa que “levamos tempo buscando un local para ser a sede da Mancomunidade e esta posibilidade que nos ofrece a Consellería do Medio Rural é moi interesante”.

As novas dependencias da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes ocuparían unha planta do edificio que a Consellería do Medio Rural utiliza como sede da Oficina de Extensión Agraria da comarca ordense. Unhas oficinas situadas na rúa Nova, 41 (Ordes), “nun enclave moi céntrico, o que facilitaría o acceso dos veciños e veciñas da comarca aos distintos servizos que ofrece a Mancomunidade”, sinala Miguel Prado.

Pleno ordinario

Durante o encontro con Antonio Crespo, que tivo lugar despois do pleno ordinario de marzo, Miguel Prado explicoulles aos alcaldes da comarca ordense que este ofrecemento é froito das distintas negociacións realizadas pola Mancomunidade diante da Xunta de Galicia. Unhas xestións que incluiron, entre outras, unha reunión co conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, o pasado verán e co propio Antonio Crespo, o pasado mes de febreiro. Unha reunión na que Prado e Crespo acordaron a realización da visita de hoxe.

Á reunión con Antonio Crespo asistiron os sete alcaldes da comarca de Ordes: José García Liñares (Cerceda), Miguel Prado Patiño (Frades), Mariano Iglesias Castro (Mesía), Manuel Regos Boquete (Ordes), Manuel Mirás Franqueira (Oroso), Antonio Pereiro Liñares (Tordoia) e Xosé Dafonte Varela (Trazo); así como o vicepresidente da Mancomunidade e concelleiro de Ordes Manuel Astray Mariño.

Finalmente, o pleno da Mancomunidade aceptou tamén a solicitude presentada polo Concello de Ordes para que o programa de Educación Familiar pase a ser xestionado pola Mancomunidade, e non de xeito municipal como viña sendo ata o de agora.

Sociedade