A manifestación das preferentes toma Sanxenxo

A manifestación das preferentes toma Sanxenxo

18 de Agosto, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Unhas 5.000 persoas, segundo a policía local, desfilaron desde as 11.00 de hoxe polas rúas de Sanxenxo (Pontevedra), na manifestación convocada polos afectados polas preferentes de Novagalicia Banco para esixir que se lles devolvan os seus aforros. Néganse a admitir nengunha "quita" e tampouco os convence a solución do arbitraxe.

Os manifestantes, a gran maioría persoas de mediana idade e xubilados, acudiron convocados polas plataformas de toda Galicia, vestidos con camisetas de cores segundo o seu lugar de procedencia, con veciños das comarcas do Salnés e Morrazo como grupos máis numerosos.

Entre os participantes tamén estiveron afectados de Ferrol, A Coruña, Vigo, Ourense ou Baixo Miño, entre outros.

Na marcha coreáronse, entre un estrondo de sirenas e chifres, consignas contra os responsables das desaparecidas caixas de aforros e lanzáronse ovos contra unha sede de Novagalicia.

A marcha sorprendeu aos veraneantes ao seu paso polo Paseo de Silgar, onde os manifestantes detivéronse uns minutos e aproveitaron para lanzar críticas ante a residencia estival do presidente do Goberno, Mariano Rajoy.

O paseo comezou no alto dunha costa á entrada do centro urbano da vila turística, un inicio de marcha polo que se esperou a que chegasen os manifestantes nos sucesivos autobuses que foron aparecendo, procedentes de toda Galicia.

Desde o comezo, os primeiros cánticos puxeron de manifesto que os afectados rexeitan as dúas solucións expostas até o momento para a cuestión. Das arbitraxes que favorece a Xunta, e que facilitan unha solución rápida nalgúns casos a cambio de renunciar á vía xudicial, os manifestantes corearon con entusiasmo: "Arbitraxe, ultraxe".

A posibilidade dunha quita importante a cambio de compensacións durante un período de até seis anos tamén foi rexeitada como unha "ameaza" chegada desde instancias europeas.

A comitiva chegou a cubrir practicamente a extensión enteira do Paseo de Silgar, onde a calor fixo estragos, retardou a marcha e mesmo provocou algún desmaio.

Os organizadores decidiron facer un alto ao final da popular avenida para que un portavoz da plataforma do Salnés lese un manifesto.

Nel acusouse aos responsables das extintas caixas -representados en varias pancartas con ollos e rabo de porco- de aproveitarse do suposto carácter dos galegos "cauto, desconfiado cos estraños e ambiguo porque non se define publicamente", segundo o texto lido, para colocar os produtos financeiros a quen lles trataban "como o seu médico de cabeceira".

Rexeitaron igualmente un dos argumentos que esgrime Novagalicia Banco e as Administracións, segundo o cal non todos os afectados foron estafados. "Como se pode falar de investidores aquí en Galicia, onde só nesta plataforma o 65 % son xubilados e pensionistas, o 20 % parados e só os 15 % traballadores?".

A comitiva, que se cebou igual con políticos e banqueiros "todos ao caldeiro", gritaban, se disgregou en parte tras a lectura do manifesto, cun grupo aínda grande que continuou até o veciño Portonovo para completar un percorrido quilométrico, e outros que optaron por marcharse.

Sociedade