As mans falan, ás veces

As mans falan, ás veces
26 de Abril, 2019 - 10:40 h. | Publicada por Radio Fene

Fixemos fotografar a man dereita do capitán do Cultural Maniños, equipo de fútbol de Fene que esta fin de semana se xoga a vida, para sacar por ela o destino do conxunto que manda. Partimos, naturalmente, dunha falacia: identificar o destino do equipo co persoalísimo do seu capitán. Pero non por iso ten que ser desbotada a nosa inquisición, xa que a un capitán de brillante destino corresponderá, en certo xeito, o brillante destino do equipo. As mans falan, ás veces. Un dos máximos expertos na lectura de mans, foi  o francés Adolphe Desbarrolles quen – no seu libro Les Mýsteres de la main- deu as sete reglas elementais da quiromancia superior.

Man de Casteleiro, capitán do Cultural Maniños

A man de Casteleiro ofrece unha ampla chaira de Marte, entre o monte da lua e o monte de Venus. Espiritu combativo. Unha liña de cabeza limpa, pero curta: con frecuencia será persoa inqueda, arrebatada. Sobre a liña do corazón, hai o foxo do éxito económico. Se traducimos isto ao fútbol, veremos un Maniños que manterá sempre virtudes combativas, que terá moitos seguidores que non se desconsolarán por derrota que chegase e que andará sempre con altibaixos, un ano ben e outro aporreado. Ten unha gran oportunidade este domingo. Pode lograr os tres puntos que xeneren esperanza no Pote.O Maniños – Orillamar xógase o domingo ás cinco e media da tarde. Pitará o colexiado Marcos Padín. O Maniños encontrase no posto número 16 con 26 puntos, a cinco puntos da permanencia. O Orillamar ocupa a posición número 14 con 31 puntos. As opcións de salvación do Maniños pasan só pola vitoria. Despois deste domingo, quedarán tres xornadas para o remate da Liga na Primeira Galicia de fútbol.

 

Artigo baseado na noticia elaborada por Alvaro Cunqueiro sobre os capitáns dos equipos galegos e publicada no Faro de Vigo o 19 de novembro de 1961.

Deportes

Publica o teu comentario agora