Manuel Fraga arroupa a Nuñez Feijóo en Vilalba

Manuel Fraga arroupa a Nuñez Feijóo en Vilalba

25 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O ex-presidente e fundador do Partido Popular, Manuel Fraga, foi a gran estrela do mitin de campaña que os populares celebraron en Vilalba. A discoteca Troco foi o espazo onde se xuntou toda a plana maior do PP galego para pedir o voto aos chairegos, despois de que Alberto Ruiz Gallardón se caese do cartel inicialmente anunciado.

Manuel Fraga accedeu ao estrado en penúltimo lugar, antes do actual presidente do PPdeG, e, entre os recordos á súa vida na vila e as súas orixes familiares, loubou ao candidato de Os Peares, ao que cualificou como “o home ideal” para “gañar as eleccións”. Fraga tamén recordou a recente folga de xuíces, produto, segundo el, da “incompetencia de algúns”, así como a polémica polo emprego da lingua. “Nós somos galeguistas e defendemos ao galego, pero non somos extremistas, nin apedreamos a xente en manifestacións que piden unha Galicia bilingüe”, dixo o ex presidente da Xunta.

A continuación foi Alberto Núñez o que tomou a palabra para facer balance dos catro anos de goberno bipartito, ao que acusou de dilapidar todo o logrado polos anteriores gobernos. “No ano 2005 deixamos a mellor Galicia posible, cun paro por debaixo do 8%, con récord de afiliados á Seguridade Social, con autovías e o proxecto do Ave avanzado. Hoxe hai 45.000 parados máis e todos os sectores metidos en problemas”, estimou Feijóo. O líder popular tamén cargou contra a política agraria da Xunta, á que culpou “do peche de 3.000 explotacións, de que o litro de leite e a cría de gando estea por debaixo dos custes de produción e de que sexa cada vez peor vivir do campo”.

O candidato do PP pediu transparencia para o voto da emigración e prometeu a supresión do imposto de doacións, os pagos aos grandes dependentes, mais axudas para que os menores de 35 anos teñan acceso á vivenda e a baixada dos impostos ás empresas.

Tamén houbo quenda para a número un das listas por Lugo, Raquel Arias, que reclamou mais atención para as persoas maiores, que “non merecen o trato que están a recibir”. Para elo pediu que se melloren as condicións económicas da lei de Dependencia e gastar menos en “despilfarros, coches, mobles e despachos”. Outro dos puntos fortes da súa intervención foi a súa acusación de “adoutrinar aos nenos coas galescolas” e da falta de apoio para os mozos, “coa retirada de plans como o labora ou as axudas para a vivenda”. No tocante á sanidade, Arias prometeu reducir as listas de espera a 60 días para unha consulta e 45 para una operación.

Xosé Manuel Barreiro falou de gastos “inmorais” ante a crise económica “que está a sufrir Galicia”, sobre todo cando “hai 50 persoas que cada día se quedan sen traballo en Lugo”. Para solucionar as dificultades económicas aportou como receitas “a contención, a rebaixa dos impostos e o realismo”.

Pola súa banda, Agustín Baamonde rexeitou que o seu partido promova a abstención e indicou que son “os socialistas e o bloque os que levan a desmobilización, porque non lles irán a votar nin a súa xente”. O número 4 por Lugo tamén quixo facer un balance negativo do bipartito, que deixou a Galicia “chea de caciques, de montes queimados, con 200.000 parados e coa peor sanidade e a peor educación de Europa”. Por último, Xerardo Criado, alcalde de Vilalba falou da necesidade de “carretar á xente”e de “traballar duro” para “sacar a estes dous do goberno”.

Sociedade