Manuel Insua Santos, precursor do ecoloxismo

Manuel Insua Santos, precursor do ecoloxismo

09 de Abril, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Manuel Insua Santos era un persoaxe moi popular na Coruña da primeira metade do século XX. Foi un adiantado do seu tempo, un precursor do ecoloxismo e un decidido entusiasta dun crecemento económico sostible e respectuoso coa natureza. Fundou en 1913 a sociedade Los Amigos del Campo e adicou moitos esforzos á promoción do tren como un medio de transporte barato.

Na guerra de Cuba combateu don Manuel Insua Santos, un dos 12 apostolos da cultura galega que teñen banco adicado no Monumento ao Camiñante Descoñecido (Barallobre Fene) iniciativa que partiu do xornalista Alfonso Piñón. Posiblemente sexa o persoeiro máis descoñecido de entre todos eles. Pero a súa persoa contribuiu de xeito decisivo a erguer o Monumento, e a súa traxectoria vital informa sobre as ideas que rodeaban naquel ano 1934 aos homes e mulleres que se puxeron mans a obra para dotar a Barallobre desta homenaxe aos camiñantes, esta lembranza á cultura galega e tamén proclama de respeto á natureza.

Don Manuel Insúa Santos, naceu en Viveiro en Lugo en 1850. Foi militar e combateu en Cuba ata que foi repatriado a finais do século XIX. Entón estableceuse na Coruña e desplegou unha intensa actividade social.  Don Manuel Insúa publica un artigo no periódico A Nosa Terra en 1917 defendendo a construcción dun ferrocarril pola costa desde Vigo ata Irún.

Participou nas orixes do fútbol na cidade de A Coruña, colaborou nos xornais e fundou en 1913 unha sociedade chamada ‘Los Amigos del Campo’, con numerosos socios en distintos lugares de Galicia que viñeron a ser os precursores dos modernos ecoloxistas. Los amigos del campo facían excursións e visitaron O Seixo, Maniños e Barallobre en distintas ocasións. Formaban parte da entidade xentes de toda condición social, unidas polo lema “Saude, forza e fraternidade”. A norma que se lle daba a todos os que a ela chegaban  só era unha: a da boa educación.

O seu afan pola divulgación do patrimonio rural conectou co gosto polo excursionismo, pola arqueoloxia e polo coñecemento da xeografía propia. Insúa Santos foi un apostol da redención do agro galego e un exaltador das belezas de Galicia. Amou a natureza como ninguén. Aos seus oitenta anos bañábase en pleno inverno na praia de Riazor na Coruña sen temor algún.

Colaboraba activamente coa prensa, publicaba artigos con frecuencia en La Voz de Galicia e tamén na prensa que editaba a emigración galega en Cuba. Formou parte igualmente da xunta constituida en Ferrol en 1917 para xestionar a contratación das obras do ferrocarril da costa, do hoxe denominado FEVE. Recabaron 6000 firmas a favor desa construcción e llelas enviaron ao presidente do Consello de Ministros.
Don Manuel Insúa foi nomeado fillo adoptivo pola Deputación da Coruña e este organismo lle entregou a súa folla de carballo de prata. Morreu en novembro de 1939, este dinamizador social e irreductible amante do medio rural galego.

En 1962 o Concello da Coruña adicoulle un monumento no Parque de Santa Margarida na cidade herculina, a quen era denominado como o patriarca dos amantes do campo.

Insúa Santos foi un adiantado aos seus tempos: o seu amor polo medio natural, o seu desexo de coidar e respetar á natureza, están hoxe cada dia máis de actualidade por esa crise económica que obriga a buscar outro modelo de crecemento baseado na sostenibilidade.

Ramón Otero Pedrayo nun artigo publicado en El Pueblo Gallego poucos meses antes da inauguración do Monumento ao Camiñante Descoñecido en 1934 dicia:
“ O proxecto de erguer en Barallobre un monumento ao camiñante descoñecido  é unha idea que non garda relación con ningunha outra idea de monumento á moda, pois será o monumento ao verdadeiro e descoñecido ser e esencia camiñante e non satisfeita co folgar, da Galiza inmorrente, a creadora, a dona dos camiños do porvir. Barallobre terá en pedra galega o seu monumento nas beiras da mar nutriza, alí onde o camiño se molla na onda conxugando en feitura de eternidade o simbolismo irmán dos vieiros da terra e dos rumbos da mar”.

Cultura