Manuel María, espello e pilar do activismo cultural

Manuel María, espello e pilar do activismo cultural

13 de Xullo, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Temos que encaminharnos pró albor / i andar polo chao con pé seguro. ¡Temos que sementar amor e máis furor / pra colheitar espranza e máis futuro!. Os versos de Manuel María resumen o valor da obra e do exemplo vital do escritor da Terra Chá.

Medio millar de persoas, a grande maioría representantes do asociacionismo cultural de base galego, déronse cita este sábado en Outeiro de Rei da Terra Chá en resposta ao chamado conxunto da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, a federación Galiza Cultura e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, nun encontro no que tamén colaborou a Deputación de Lugo.

A Fundación Manuel María asegura que propuxo converter este Convivio da Cultura Galega “nunha cita anual consolidada, que nace coa pretensión de ser un punto de encontro, de amizade, de diálogo e de mutuo coñecemento e recoñecemento entre todas aquelas entidades que desde abaixo fan hoxe cultura galega no sentido máis amplo, cada quen ao seu xeito e desde as súas coordinadas”. Así, a Fundación asegura que “o Convivio quere ser ese lugar onde, a través dunha estrutura lúdica e diversa nas expresións, vérmonos, escoitar, falar e aprender as unhas das outras”. “Amosar o que cada quen fai e ver ou escoitar o que outras e outros fan”, segundo as palabras do secretario, Alberte Ansede.

"O Convivio quere ser ese lugar onde vérmonos, escoitar, falar e aprender as unhas das outras", asegura a Fundación Manuel María

Do encontro aberto, segundo explicou a Fundación Manuel María nunha nota pública, “saíu o propósito común de manter anualmente a celebración do Convivio como unha actividade estábel e de, asemade, explorar en común e poder ir estabelecendo novas fórmulas de colaboración, mutuo coñecemento e intercambio de iniciativas e experiencias. Constatando como moitas entidades nacen e traballan para facer cultura desde a base en contextos locais e comarcais enténdese como moi importante chegar a xerar unha rede que permita saber que se fai en cada lugar, que propostas funcionan ou que iniciativas son exportábeis ou adaptábeis a outros lugares”.

A xornada incluíu contacontos por parte do colectivo Fabaloba ou un concerto de Pepe Vaamonde Grupo

Entre as diversas actividades do Convivio estiveron as visitas á Casa-Museo de Manuel María, a actuación das bandas de música de Rábade-Begonte e Solfa de Compostela, unha ofrenda á tomba do poeta, un xantar ao ar libre, contacontos por parte do colectivo Fabaloba ou a música de Pepe Vaamonde Grupo.

Sociedade