Manuel Regos: “O PP utiliza a demagoxia para desvirtuar os logros do goberno local”

Manuel Regos: “O PP utiliza a demagoxia para desvirtuar os logros do goberno local”

28 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, lamenta que o PP do municipio estea a utilizar a demagoxia para restarlle importancia aos logros conseguidos polo goberno local nestes catro anos, calificándoos como obras baleiras de contido.

Ante as críticas á recente inauguración do Punto de Encontro, o rexidor ordense negou que se tratase da terceira inauguración da Alameda. Así, explicou que en primeiro lugar, en setembro de 2009, o que se inauguraron foron as obras de ampliación da Alameda, un acto ao que acudiu o presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, ao tratarse dunhas obras que contaron con financiamento provincial. En segundo lugar, foi o delegado do Goberno, Antón Louro o que fixo unha visita ao municipio para comprobar as obras realizadas a través dos fondos estatais, obras entre as que se encontraban as fachadas dos baixos da Alameda, de aí a visita ás instalacións.

Por último, Regos lamentou que o PP de Ordes reste importancia ás obras inauguradas o pasado venres, referentes ás novas instalacións ubicadas nos baixos da Alameda. Unhas instalacións que inclúen unha biblioteca ampliada e renovada, o Museo Xoxardo, aulas de formación, unha sala de conferencias, un local para a xuventude e locais de ensaio para os grupos do municipio, que melloran en gran medida as infraestruturas ordenses, e que eran moi demandadas polos veciños e veciñas do municipio. 

O rexedor ordense cualificou a actitude dos populares como demagóxica e que só responde a fins electoralistas, aínda que como explicou o alcalde, “os veciños e veciñas de Ordes serán os que saberán valorar todo o traballo realizado polo goberno local”. Regos engadiu ademais que mentres o PP se adica a lanzar panfletos polo municipio criticando as obras realizadas polo Concello, o goberno local segue a traballar para mellorar os servizos de todos os ordenses.

Institucional