María Rosendo gaña o Premio de Poesía Pérez Parallé

María Rosendo gaña o Premio de Poesía Pérez Parallé

02 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O xurado do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, reunido en Fene, decidiu por unanimidade outorgar o premio deste ano ao libro Nómade, presentado baixo o pseudónimo “Verdecente”. Aberta a plica, o libro resultou ser da autoría de María Rosendo Priego. O galardón entregaráse o vindeiro sábado 20 de novembro nun acto a celebrar no Círculo de Fene. A Editorial Espiral Maior publicará o volume pr

María Rosendo (Vigo, 1984) escribe poesía desde os 17 anos. Realizou estudos de filoloxía inglesa que, máis tarde, compaxinará cos de educación social. En 2007 viaxa a cidade de Bos Aires para vivir no hemisferio austral durante un ano. Será precisamente nesta andaina onde comeza a nacer a poética deste poemario, Nómade. Participou en recitais poéticos coas Redes Escarlata ou na II Rebelión da décima musa pero non ten ningún texto publicado. Nómade é, tal como se indica nas bases do premio, o primeiro libro da autora que verá luz. Na actualidade vive en Compostela onde traballa en produción teatral coa compañía Berrobambán.

O Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé convócao o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene desde o ano seguinte ao pasamento do “Segrel do Penedo” para lembrar a súa figura. Desde hai xa varios anos, o premio está adicado a promover a obra dun autor ou autora inéditos en lingua galega. O Círculo Mercantil e Industrial-Unidade considerou que ambos os principios (promoción das novas voces e defensa do galego) eran parte esencial do pensamento do poeta homenaxeado neste premio.

O xurado deste ano estivo integrado por Pedro Casteleiro (escritor e xurista ferrolán), Antía Otero (poeta e actriz nada na Estrada, vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega) e Ramón Neto (escritor e filólogo nado na Illa de Arousa e residente en Bruxelas, gañador da anterior edición do premio). A entrega do premio levarase a cabo nun acto que terá lugar o próximo sábado 20 de novembro na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene.

Cultura