A Marcha Mundial das Mulleres mobilízase para reivindicar que a crise non recorte os dereitos femininos

A Marcha Mundial das Mulleres mobilízase para reivindicar que a crise non recorte os dereitos femininos

06 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A Marcha Mundial das Mulleres convoca mobilizacións para este domingo en seis cidades galegas con motivo da conmemoración do Día Internacional da Mulleres. A principal reivindicación deste ano é que a crise non afecte especialmente aos dereitos femininos.

 

Desde o colectivo feminista asegúrase que a situación das mulleres ante a crise é de grande vulnerabilidade e para apoiar esa argumentación ofrécense diversos datos. A nivel internacional as cifras resultan claras: de cada 100 persoas pobres que existen no mundo 70 son mulleres e só un 1% da terra está en mans femininas. No eido galego, as principais desigualdades aprécianse no mercado laboral, onde as mulleres reciben soldos máis baixos e sofren maior precariedade.

A voceira da Marcha Mundial das Mulleres, Lupe Ces, resaltou nos micrófonos de Radiofusión a importancia de mobilizarse e puxo como exemplo o conseguido no último ano. O pasado 8 de marzo o colectivo saíu á rúa para defender o dereito ao aborto e na actualidade o goberno central prepara unha nova lei de interrupción do embarazo.

Ces tamén se referiu á nova etapa que se abre en Galicia coa volta ao poder do Partido Popular. Asegurou que desde a Marcha Mundial das Mulleres estarán atentas a que non se retroceda nas políticas de igualdade xa que, afirmou, o “o PP é un partido que tradicionalmente defendeu o valor do patriarcado”.

A Marcha convoca manifestación o domingo en Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol, así como concentracións en Pontevedra, A Coruña e Cee. Todas as mobilizacións estarán encabezadas polo lema As mulleres traballamos, as mulleres contamos. Non solucionaredes a crise a costa dos nosos dereitos.

 

Sociedade