A marcha por unha Ferrolterra renacente

A marcha por unha Ferrolterra renacente

22 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Unha gran marcha comarcal pretende lograr a comisión Rumbo XXI o vindeiro sábado en Ferrol. Os voceiros da Iniciativa Lexislativa Popular en favor do sector naval presentaron este mediodia as accións que desenvolverán ao longo desta semana. Ademais da manifestación do sábado, unha caravana automobilística percorrerá Fene na tarde do venres.

O membro da comisión Rumbo XXI Ramón Yañez insistiu esta mañá no caracter aberto a toda a cidadanía da mobilización do sábado. Para Rumbo XXI, é fundamental lograr que os estaleiros da ría de Ferrol saian de perdas. En caso contrario a Unión Europea adoptará medidas obrigando ao reintegro das axudas ilegais, á disolución ou a un acordo de condonación, que incluirá a privatización das firmas.

Rumbo XXI insistiu esta mañá na súa defensa da utilización da antiga Astano coa maior intensidade posible. Afirman que é un absurdo, dicir que as instalacións de Fene non están infrautilizadas. Os convocantes demandan o levantamento do veto por inxusto e arbitrario con Ferrolterra e con Galicia. Sería unha vía para solucionar o paro, a emigración e o envellecemento.   

Pola criación de emprego. Por un sector naval con futuro. Levantamento do veto a Navantia Fene. Eses son os lemas da manifestación comarcal que o vindeiro sábado percorrerá as rúas de Ferrol. Sairá ás 12 do meiodia do peirao de Curuxeiras.

Sociedade