Marful pon a proba o seu “Manual de sedución” no Teatro Colón

Marful pon a proba o seu “Manual de sedución” no Teatro Colón

16 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Un disco feito a lume lento. Iso é Manual de sedución, o segundo álbum de Marful, despois de catro anos da edición do seu primeiro traballo homónimo. A vocalista da formación, Ugia Pedreira, afirmou en Radiofusión que os 14 temas do disco “lévannos polo amor e o desamor, que é o que move todo, pero tamén polas paisaxes de moitos países, por diferentes formas de ver a vida ou polo mar&

O surrealismo e a vangarda marcan as composicións de Marful, que neste traballo nos achegan detalles do cinema italiano, por nostalxia dos cines fechados. Tamén nos levan ata as tabernas dos portos, os xardíns románticos ou as grandes extensións de vides.

As viaxes que Marcos Teira, Pablo e Pedro Pascual e Ugia fixeron a diferentes países permitíronlles recuperar temas como “De Vigo vuelvo”, ao que lle puxo letra a propia cantante. Música popular galega, cubana, portuguesa, italiana, xitana, e tamén toques de música ambulante e do music-hall dan forma a Manual de sedución. Ugia asegura que para compoñer todo artista ten que situarse entre o individuo e a colectividade, polo que un é permeable a todo o que pasa ao seu redor.

Marful contaron neste segundo disco con colaboradores habituais como Xacobe Martínez (contrabaixo) e LAR Legido (bateria e percusións) de Sumrá; pero tamén con outros compañeiros como David Herrington (trompeta, fliscorno), Diego Galaz (violín), os cubanos Alejandro Vargas (piano) e José Manuel Díaz (contrabaixo), Alfredo Rodríguez de Factoria Teatro (voz, narración), Paulo Gacio (flauta traveseira), Quim Farinha de Berrogueto (violín) e Germán Díaz (serra). Moitos deles estarán presentes esta noite, como membros do público, no concerto de presentación de Manual de sedución.

A de A Coruña será a única presentación ao vivo do novo álbum de Marful en Galicia. A seguinte será en Oporto, xa que a banda considera Portugal como a súa segunda casa. Despois iniciarán unha xira que os levará de novo pola nosa terra.

Cultura