Margarita Ledo: Retrato de muller con chapeu gris

Margarita Ledo: Retrato de muller con chapeu gris

12 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por A biblioteca infinda

Margarita Ledo avanza sorrinte polo amplo recibidor da Facultade de Xornalismo. Leva botas e gabardina, moi prácticas para enfrontarse a un día pechado de auga coma o da entrevista, e na cabeza un pequeno chapeu gris de feltro, que axiña deixa enriba da mesa da sala de gravación número 1. Non necesita arranxar o pelo, mírame expectante.

Ao pouco de comezar a conversación, o tempo queda como suspendido e as preguntas preparadas cambian rapidamente de posición. Esquézome do estudio de gravación e falamos. Imos deixándonos ir no río calmo da entrevista, sen présa, aproveitando todos os remansos. Margarita busca a exactitude na súa expresión, ás veces rexeitando unha palabra excesivamente connotada e que xa non lle vale para o que quería dicir. Explícase. Preocúpase constantemente de que o interlocutor comprenda o seu discurso en toda a súa amplitude e complexidade. E non é doado, porque no repaso da súa obra (da creativa, literaria e cinematográfica, da laboral, xornalística e académica, da actividade política e cultural) vai xurdindo a súa persoal reflexión sobre a historia de Galicia, o seu interese por eses momentos máxicos de creación colectiva –a época de Xelmírez, as Guerras Irmandiñas, o Rexurdimento, os anos das Irmandades e a Xeración Nós– que nos colocaron no tempo lineal da Historia.

Cultura