Mariam Sissoko expón a realidade do labrego africano en Mondoñedo

Mariam Sissoko expón a realidade do labrego africano en Mondoñedo

23 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Cunha cara que denotaba o cansazo lóxico dunha xira que a está a levar por varias vilas e cidades de Galicia, Mariam Sissoko, coordinadora en África da organización labrega internacional Vía Campesiña, compareceu na Fundación Comarcal da Mariña Central en Mondoñedo para explicar os logros conseguidos por esta organización no seu país natal, Mali. O relatorio da activista africana era parte da Semana do

Tras unhas primeiras palabras nas que se solidarizaba coa situación que está a atravesar o universo agrogandeiro galego, Sissoko entrou en materia para expor a situación vivida polos labregos malís, que supoñen o 80% da poboación dese país africano. Os principais problemas aos que se enfrontan na súa vida cotiá son o acceso ao crédito e á terra, xa que esta é propiedade do estado e hai moi pouca en mans privadas. De feito, nalgunhas zonas, as máis ricas e húmidas, non dispoñen da posibilidade de realizar as plantacións desexadas, senón que son impostas polo propio goberno.

Un dos logros conseguidos pola Organización de Agricultores de África Occidental e por Vía Campesiña foi a consecución dunha lei que recoñecese ao labrego como traballador no 2007. Sen embargo, aínda precisan do decreto que facilite a súa aplicación.

Outras das demandas realizadas no continente foi a necesidade de crear un fondo de desenvolvemento da agricultura, ademais do acceso á protección social e á autoxestión das terras.

A soberanía alimentaria tamén xurdiu como elemento central dentro do discurso da líder labrega africana, establecendo a necesidade de comprender e coñecer o seu concepto, os tipos de produción e consumo que poden beneficiar a este estamento, así como a obrigatoriedade de crear ligazóns entre os labregos do mundo para trazar estratexias en común. Neste punto tamén se referiu á actual situación do problema lácteo galego, ao establecer un certo paralelismo cos seus problemas de venda por debaixo do custe de produción. Demandou unha acción conxunta de todos os campesiños para poder superar os problemas que poidan aparecer no sector, poñendo como exemplo a súa propia experiencia e os logros como colectivo.

Sociedade