Medio Ambiente contesta ao BNG sobre os expedientes dos aproveitamentos hidroeléctricos da conca Miño-Sil

Medio Ambiente contesta ao BNG sobre os expedientes dos aproveitamentos hidroeléctricos da conca Miño-Sil

24 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

188 expedientes de concesións ou ampliacións de aproveitamentos hidroeléctricos na conca do Miño-Sil en territorio galego resoltos polo Ministerio de Medio Ambiente. Esa foi a resposta do departamento dirixido por Elena Espinosa á pregunta da deputada do BNG, Olaia Fernández Dávila.

Do total admitido, concedeu 51 deles, denegou 102 e ten en trámite 35. Trátase de peticións para a instalación, ampliación ou adaptación de aproveitamentos hidroeléctricos con potencia non superior a 5.000 KVA.

A representante nacionalista dirixiuse ao Goberno para preguntar polo número de proxectos presentados, resoltos e en tramitación e pediu a paralización dos mesmos debido ao tremendo impacto ambiental que sofre esta conca.

O Goberno na súa resposta detallou os expedientes solicitados, concedidos e denegados por provincias, sendo a maior en número Ourense, con 109, 32 concedidos, 60 denegados e 17 en trámite, seguida por Lugo con 62, 14 concedidos, 31 denegados e 17 en trámite e Pontevedra con 17 incoados, 5 concedidos, 11 denegados e 1 en trámite. O Executivo tamén aclarou que das 51 concesións en Galicia, 27 centrais xa están construídas e 24 están pendentes de aprobación.

Dávila tamén puxo de relevo a proliferación de encoros e demandou que se freara este tipo de construcións, que teñen un impacto medioambiental elevadísimo. Neste sentido, o Ministerio sinalou que, respecto á instalación de grandes centrais de potencia superior a 5.000 KVA, atópase “en fase de últimas unidades a Central de Caudal Ecolóxico de Frieira, en Pontevedra”.

Asemade, informou do estado doutros proxectos de grandes centrais en tramitación: Central de San Estevo 2 no Sil en Ourense, central de Santa Cristiña no Sil en Ourense, central de Belesar 2 e Peares 2 no Miño en Lugo, central de Belesar 3 e Peares 3 no Miño en Lugo, central de Velle 2 no Miño en Ourense, central de Cartelle no Arnoia en Ourense e os saltos do Sela no Miño en Pontevedra.

Desde o BNG infórmase que, en resposta á demanda de paralización das concesións, o Ministerio limítase a indicar que “aplica a lexislación vixente, cumprirá escrupulosamente a lexislación en materia de Avaliación Ambiental” e asegura que "toma en consideración os plantexamentos das CC.AA”. No relativo á caducidade dos expedientes só afirma que “se formalizarán conforme á lei”.

Sociedade