Medio Rural concede unha subvención de 25.000 euros á DOP de San Simón

Medio Rural concede unha subvención de 25.000 euros á DOP de San Simón

07 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Consellería de Medio Rural concedeu unha subvención de 25.000 euros á Denominación de Orixe Protexida (DOP) Queixo de San Simón da Costa. A axuda estará fraccionada en dous pagamentos para facilitar o financiamento dos gastos realizados a comezos de ano. O primeiro será de 15.100 euros mentres que o segundo constará de 9.900.

Esta subvención inclúese dentro do programa de apoio aos produtos agroalimentarios con características diferenciadoras, en canto a orixe, calidade, tradición e forma de elaboración e que a Consellaría considera de vital importancia para a rendibilidade das explotacións e a fixación de poboación no medio rural, cualidades que aporta esta D.O.P. chairega.

A cantidade aprobada está destinada para cubrir os gastos básicos de funcionamento destas entidades no primeiro semestre do ano 2009. Desde Medio Rural se informa de que existe unha nova partida aprobada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para este fin.

A cantidade total para todas as denominacións de orixe sumou 416.000 €, mentres que as subvencións futuras achegarán unha cifra de 1.038.111 euros para as 18 DOP galegas, e será distribuída ao longo de todo o exercicio.

Nun principio, os 16 Consellos Reguladores con maior antigüidade, entre os que se encontra San Simón, recibirán, cada un, 25.000 euros e os que recentemente acaban de iniciar a súa andaina (os das IXP´s Faba de Lourenzá e Castaña de Galicia) terán unha menor contía, 10.000 e 6.000 euros respectivamente.

Outras axudas que afectarán aos Consellos Reguladores de actividades agrogandeiras da Terra Chá serán a CRIXP Terneira Galega, Lacón Galego, Pataca de Galicia, Mel de Galicia e C.R. Agricultura Ecolóxica de Galicia, todas cunha dotación de 25.000 €, así como a CRIXP Castaña de Galicia, con 6.000 euros.

Sociedade