Medra a matrícula

Aumenta tamén o número de alumnos e alumnas de tres anos
11 de Setembro, 2019 - 12:30 h. | Publicada por Radio Fene

Para os centros escolares é unha ledicia que aumente a incorporación de pequenos de tres anos, algo que se produce este curso nas escolas fenesas con 96 novos ingresos.

897  nenos e nenas de Fene incorporaronse ás aulas esta mañá para iniciar un novo curso escolar nos niveis de infantil e primaria, entre os 3 e os 12 anos. Un total de 535 ingresan nos cinco centros públicos, aos que hai que engadir 362 do centro concertado Jorge Juan. De tres anos empezan o curso escolar un total de 96 alumnos repartidos entre todos os centros.  En xeral aumenta a matrícula de primaria con respecto ao curso pasado (869 alumnos en 2018) e incrementase tamén o novo ingreso de pequenos de tres anos (89 en 2018 e 96 en 2019)

Por centros estes son os datos facilitados desde as direccións:

Os Casais de Maniños acollen unha matrícula total de 50 alumnos e alumnas. En palabras da directora, Lorena Pita, aumentou con respecto ao curso pasado. De tres aniños entraron 7 pequenos.

O Ramo de Barallobre mantén unha matrícula total de 146 alumnos, dos que 18 son de primeiro ingreso en tres anos.

A Xunqueira acolle nas súas aulas a un total de 148 estudantes de infantil e primaria, manténdose como o curso pasado. Aumenta o ingreso de nenos-as de tres ano, sendo 21 os matriculados neste curso.

Centieiras de Perlío aporta  181 alumnos e alumnas, sendo de tres anos, 11 pequenos.

Dez pequenos ingresan na escola de Sillobre este curso. Dous ou tres son de nova incorporación. A escola de Pedre imparte clase a nenos e nenas de infantil e primeiro e segundo de primaria. A titora, Cristina López, está apoiada por un mestre de inglés e outra de relixión que acoden un día á semana.

O colexio concertado Jorge Juan é o que recolle a matrícula máis numerosa con 362 alumnos entre infantil e primaria. O luns acollerá a 164 de secundaria. De nova incorporación serán os 36 alumnos de tres anos.

Os de Centieiras toparonse coa sorpresa de ver a súa pista polideportiva cuberta (na imaxe). Os da Xunqueira, a nova fachada do centro que foi reparada tamén durante as vacacións de verán. Pendente quedou a remodelación integral da escola de Sillobre que haberá que abordar este curso; as ventás e unha caldeira nova nos Casais de Maniños tamén ten que agardar. No Ramo, si ben se fixeron moitas reformas, está pendente eliminar as barreiras no acceso ao ximnasio.

Sociedade

Publica o teu comentario agora