Melissa Laveaux: “Gústanme Massive Atack e Caetano Veloso”

Melissa Laveaux: “Gústanme Massive Atack e Caetano Veloso”

02 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Fusión, fusión e máis fusión. A cantante canadiense de orixe haitiano Melissa Laveaux é un exemplo das tendencias dominantes no mundo da música. Os interpretes ábrense a múltiples influenzas e empápanse das máis variadas melodias. Laveaux ofrece mañá sábado un concerto no Teatro Xofre de Ferrol.

P. ¿Cales son as túas influenzas musicais?

Eu escoito moita música, pero creo que as miñas primeiras influenzas proveñen do trip hop, como Massive Atack, Morcheeba, Portished... E tamén música brasileira: Os Mutantes ou Caetano Veloso. Tamén me resulta interesante moita música pop que soa na radio.

P. ¿Cómo son os teus directos?

Os concertos son moi diferentes. Son un pouco máis rock porque teño un batería, un baixo electroacústico e eu tamén toco a guitarra eléctrica. Así pois, son máis fortes que o disco.

P.¿Cómo atopas ao público en España?

Moi entusiasta. Nunca me decepcionou o público español. Cada vez que  actuei aquí o público foi realmente entusiasta. Eles non tiñan idea de quen era eu. Viñan a ver o concerto e non sabían que agardar, pero animábanme moito. A semana pasada toquei unha nova canción e a xente foi moi, moi, moi agradable.

P. ¿Existe o que podemos chamar unha música negra?

Cada vez que fago unha entrevista pregúntanme se son unha cantante da tradición da música negra norteamericana. Considero que é estúpido dicir que existe unha tradición norteamericana de cantantes negros porque non a hai. Son persoas diferentes, tocando diferentes tipos de músicas. Non podes comparar realmente a Beyonce con, con... estaba pensando en Bloc Party, pero eles son ingleses. Non os podes comparar. Así pois, eu pensei que sería interesante coller algo que a xente pensaba que eu tiña que cantar da mesma exacta maneira, como unha muller negra, e velo de maneira completamente diferente, interpretalo ao meu xeito.

 

Cultura