Mellorando Vilar do Colo

Mellorando Vilar do Colo
13 de Xullo, 2020 - 12:57 h. | Publicada por Radio Fene

Fene investirá 175 mil euros, financiados pola Xunta, na estrada de case dous quilómetros que une Vilar do Colo con Limodre.

O Concello de Fene ten listo desde principios de ano o proxecto de reparación da estrada que une o polígono do Vilar do Colo coa vía provincial DP-3501, en Limodre. E agora, ademais, tamén conta con financiamento para levar a cabo as obras, por medio dunha subvención autonómica dirixida á mellora de infraestruturas en parques empresariais. A actuación está cifrada en 175.605 euros cofinanciados pola Xunta nun 68%. O proxecto técnico recolle o aglomerado de toda a estrada co obxectivo de mellorar a súa durabilidade e tamén a súa seguridade. Son 1,8 quilómetros de pista que enlazan a segunda fase do polígono do Vilar do Colo coa DP-3501, xusto á altura do campo de fútbol de Limodre. Este eixo construiuse no seu día para conectar o saneamento do polígono co colector xeral que percorre a parroquia e non tardou en converterse no itinerario de referencia para o tráfico procedente do noroeste de Cabanas e do leste de Ares e Mugardos.

O uso e o paso do tempo fixeron que, pouco a pouco, fosen abríndose grandes fochancas que o Concello reparou nos últimos anos a través de sucesivos programas de rebacheo. Ademais, a zona inferior da estrada -no cruzamento coa provincial- amañouse hai tres anos con cargo aos fondos do PAI 2016 da Deputación da Coruña. Ese anaco, duns 50 metros e próximo ao parque da Hortiña, está en perfecto estado, ao igual que a estrada coa que conflúe, pero o resto da vía encóntrase nunha situación ben distinta, cun firme irregular -resultado do tráfico pesado e dos parches que hai a cada pouco- e coas cunetas cheas de sedimentos e vexetación. A solución para corrixir esas deficiencias pasa por aproveitar como fondo o firme actual e botarlle por riba un novo a base de aglomerado e cun grosor mínimo de 6 centímetros.

Ademais tamén se prevé sinalizar todo o trazado, limpar as gabias e eliminar as silveiras e salgueiros que proliferaron xusto á súa beira nos últimos anos. Cómpre ter en conta tamén que esta zona non só é enlace co polígono, senón que tamén é lugar frecuentado por ciclistas e paseantes, razón pola que, segundo o Goberno local urxe facer unha reparación completa e duradeira, que faga máis segura a estrada e que lle evite ao consistorio ter que andar facendo amaños puntuais a cada pouco. Unha vez que a Consellaría de Industria confirmou a achega económica para as obras -120.000 euros de subvención- agora toca axilizar a tramitación do expediente de licitación, posto que a estrada deberá estar rematada e pagada, como moi tarde, o 31 de outubro.

Institucional

Publica o teu comentario agora