Melloras na estrada de Ordes a Cerceda

Melloras na estrada de Ordes a Cerceda

26 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, anunciou no pleno celebrado esta mañá, a sinatura dun convenio coa Xunta para a redacción do proxecto de mellora da estrada Ordes- Cerceda. Un convenio que suporá 150.000 euros para a redacción do proxecto, da que explicou, próximamente se sacarán as bases para o concurso e así poder elaborar o proxecto e remitilo á Xunta o antes posible.

As obras de mellora desta estrada, que incluirán o ensanchamento da calzada e das súas marxes e melloras no pavimento, traerán por primeira vez ao municipio un investimento do Plan Miner, que tal e como explicou o alcalde, Manuel Regos, ascenderá a 2,8 millóns de euros. Regos insistiu en que se trata dunha obra moi importante dado o deterioro no que se encontra o vial debido ao tráfico excesivo que soporta, co constante paso de camións, que está provocando problemas aos veciños que diariamente pasan por alí co seu coche.

Por outra banda, o pleno celebrado esta mañá aprobou a modificación na forma de xestión do servizo da escola infantil, que se acordou pasará a xestionarse dunha maneira indirecta.

Tal e como explicou a concelleira de Educación de Ordes, Silvia Marín, ademais da cuestión económica, a causa máis importante para sacar adiante esta proposta é “mellorar a calidade educativa do centro”. Marín sinalou que en diversas ocasións se estaba a facer moi complicado para o Concello poder sustituir ao personal que por un ou outro motivo se ausentaba de maneira imprevista, redundando isto nun peor servizo de cara á educación dos alumnos. Explicou Marín que a xestión indirecta da escola infantil proporcionaría un servizo “máis completo”. A concelleira ordense quixo destacar o “bo traballo do personal que temos no centro”, á vez que insistiu en que o que “debemos garantir dende este grupo de goberno para os nosos veciños e veciñas, son servizos de calidade e emprego, sexan públicos ou privados”

Ademais Marín garantizou que se fará unha supervisión minuciosa sobre o traballo que se leve a cabo no centro cando pase a xestionarse de maneira indirecta, para seguir velando polos intereses dos veciños e veciñas de Ordes e proporcionando aos pequenos a mellor calidade na súa educación. A proposta do goberno local contou co apoio do Partido Popular e a oposición do BNG.

Cuartel da Garda Civil

En canto á construcción do cuartel da Garda Civil e tras unha moción presentada polo BNG ao respecto, o alcalde, Manuel Regos, explicou que próximamente manterá unha reunión en Madrid co Director Xeral de Infraestructuras do Ministerio do Interior, na que espera se teñan en conta as súas demandas e o cuartel sexa unha realidade o antes posible. De non ser así, asegurou que se tomarían as medidas necesarias e lembrou que os acordos establecidos no convenio asinado para a cesión do actual local da Garda Civil, indicaban que en dous anos o local revirtiría no Concello, tendo que pagar o Ministerio a mensualidade correspondente polo uso do local.
Ademais ante as acusacións dos nacionalistas Regos volveu a explicar que a compra do baixo foi necesaria para que o cuartel permanecese  en Ordes, senón iría para outro municipio coas conseguintes repercusións negativas que isto tería para a localidade. O alcalde volveu a insistir en que se fará todo o posible para que o novo cuartel se leve a cabo canto antes no Paraíso.

Decreto do galego

Por outra banda o pleno municipal aprobou tamén unha proposta do grupo de goberno en relación ao decreto do galego, a través da que se acordou instar á Xunta a establecer medidas de protección da lingua galega para superar a súa posición de desvantaxe, non tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de desenvolvemento do galego, tomar as medidas necesarias que garantan a competencia plena do alumnado nas dúas linguas oficiais ao rematar a ensinanza secundaria obrigatoria, presentar un verdadeiro plan de aprendizaxe de linguas estranxeiras factible e rigoroso sobre a base de continuar e potenciar as medidas acometidas dende o anterior goberno e coa súa correspondente memoria económica que o faga factible, reconstruir o consenso social e político, tomando como punto de partida o Plan xeral de normalización da lingua galega e enmarcar dito consenso, tal e como defende o Consello da Cultura Galega na constitución no Parlamento de Galicia dunha Comisión parlamentaria na que, estando presentes as tres forzas do arco parlamentario, conte coa participación das distintas institucións, sectores sociais, membros da comunidade educativa, ademais de asesores e especialistas, cara á redacción final dun texto que reflicta o consenso que en materia lingüística necesita este país. A proposta contou co apoio do BNG e a abstención do PP.

Sociedade